Inicio Carballo ao día Hemeroteca O proxecto Apego chegará a 23 concellos e a máis...

ONCE NOVOS MUNICIPIOS SUMÁRONSE AO PROXECTO

O proxecto Apego chegará a 23 concellos e a máis dun millón de habitantes

Luns 11 de abril do 2016

O Alcalde, Evencio Ferrero, asistiu ao acto de sinatura

O Alcalde, Evencio Ferrero, asistiu ao acto de sinatura

O programa Apego para a socialización en galego da infancia, do que Carballo é Concello fundador e impulsor, amplíase para chegar a 23 concellos e a máis dun millón de habitantes. En marzo de 2015, asinaban un protocolo de colaboración os concellos da Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago de Compostela e Vigo para poñer en marcha o programa Apego para promover e arroupar a transmisión da lingua ás nenas e nenos. A comunidade creada arredor do Apego foi medrando con miles de nais e pais que se foron sumando, cun amplo seguimento nas redes sociais e tamén coa cooperación entre entidades diversas.


Agora, un ano despois, chegou o momento de incorporar outros concellos que manifestaron o seu interese por implementaren este programa desde os respectivos servizos de normalización lingüística. Coa colaboración destes 23 concellos, o proxecto Apego chegará agora a unha poboación que supera o 1.100.000 habitantes, entre a que está a das principais áreas urbanas, onde máis cómpre incentivar e facilitar a socialización en galego da infancia. O sábado 9 de abril asinaron a adhesión once novos concellos promotores de Apego pola lingua: A Coruña, Ames, Mazaricos, Moaña, Muros, Oleiros, Ponteceso, Rianxo, Ribadeo, Teo e Vimianzo. Deste xeito, poderase chegar a máis familias para cumprir cos obxectivos sinalados e estenderase o programa a municipios de variado tamaño, situación sociolingüística ou posición xeográfica.

O proxecto Apego orixinouse en Carballo no marco do Curso de Verán de Dinamización Lingüística da UDC

O Concello de Carballo foi un dos impulsores deste ambicioso proxecto, e, de feito, foi en Carballo onde se xestou, no marco do Curso de verán de dinamización lingüística que ten lugar cada verán. Agora medra a participación da zona, e incorpóranse dous novos concellos da comarca, os de Ponteceso e Vimianzo. O acto de sinatura para ratificar as novas adhesións tivo no Centro Ágora da Coruña e nel interviron, ademais do alcalde da cidade, outras/os alcaldesas e alcaldes dos concellos que asinaron o acordo. Tamén estivo na cita do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, o de Vimianzo, Manuel Antelo e, no caso de Ponteceso, o Concelleiro de Normalización Lingüística, Carlos Penedo. O acto estivo animado por un concerto de "Arrolos de salitre", con Xabier Díaz e Guillerme Fernández.

Crianzas de 0 a 6 anos

Dende a súa posta en marcha, o programa Apego consistiu na realización de accións centradas nas crianzas de entre 0 e 6 anos, mais que abranguen os diferentes contextos da vida dos nenos e nenas. Deseñáronse e distribuíronse materiais específicos, organizáronse actividades, achegáronse argumentos, información e recursos, etc., para as familias e para os profesionais. En todas as accións do proxecto resalta a valoración positiva da lingua e a necesidade de que colectiva e individualmente nos comprometamos con este herdo para que no futuro as nosas cativas e cativos poidan seguir gozando del.

O Apego mantense desde os servizos de normalización lingüística dos concellos participantes, impulsados inicialmente pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), e para a súa difusión recórrese tamén á rede, a través do web: <www.apego.gal> e da páxina de Facebook: <www.facebook.com/apego.gal>.

Compartir: