Inicio Carballo ao día Hemeroteca oDesexo invade o Pazo da Cultura coas esculturas...

ATÉ O 8 DE MAIO NA SALA DE EXPOSICIÓNS DO 3º ANDAR

oDesexo invade o Pazo da Cultura coas esculturas e pinturas de Xulio Maside, Xoán Pardiñas e Fernando Riveiro

Luns 11 de abril do 2016

Xulio Maside, Xoán Pardiñas e Fernando Riveiro na inauguración da mostra

Xulio Maside, Xoán Pardiñas e Fernando Riveiro na inauguración da mostra

Poesía e arte van da man na exposición "oDesexo" que poderá visitarse até o 8 de maio no Pazo da Cultura de Carballo. A Asociación Cultural Caldeirón e o Concello organizan esta cita que, segundo explica Paco Souto, secretario da entidade malpicana, "é o froito de tres obras absolutamente diferentes, cada unha moi persoal", creadas polos artistas Xulio Maside, Xoán Pardiñas e Fernando Riveiro. Non obstante, Souto aclara que á vez "teñen moitas referencias comúns porque hai moita vida entre estes tres pintores". Pero ademais de ser produto do maxín destes tres creadores, "oDesexo" tamén é un catálogo no que está presente a obra de trece dos quince poetas que até o momento teñen publicado na AC Caldeirón, porque a exposición estaba pensada para conmemorar os dez anos do Premio de Poesía erótica Illas Sisargas que se selebrou o pasado novembro. Ao final non pudo ser nesa data, pero a mostra segue "a celebrar oDesexo", subliña Souto, que engade que "o importante é que a xente de Carballo poda gozar con esta obra fantástica".

A escultura e a pintura conforman esta mostra a cuxa inauguración, ademais de Souto asistiron tanto Xulio Maside como Xoán Mardiñas e Fernando Riveiro, que estiveron arroupados polo Alcalde, Evencio Ferrero, polo Concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, e por representantes da vida artística e cultural de Carballo. A mostra pode visitarse até o 8 de maio no 3º andar do Pazo da Cultura, de luns a venres de 18.00 a 21.00 horas.

Autores de renome

Os tres creadores se caracterizan por unha longa e prolífica traxectoria artística que agora vai da man nesta mostra

Repecto do autores, Xulio Maside é un pintor de referencia cunha longa carreira na que cabe destacar a súa pertenza ao grupo NOME (fundado en 1986). Interesado pola problemática social dos artistas, preside durante os anos 70 e 80 a Asociación Galega de Artistas Plásticos. En 2015 tivo lugar unha fantástica mostra antolóxica no Auditorio de Galiza. Aborda o seu traballo coas máis diversas posibilidades técnicas, case sempre combinadas. Xoán Pardiñas foi cofundador do grupo NOME e reactiva a Asociación de Creadores Plásticos Compostelanos. Cofundador da Federación Galega de Artistas Plásticos participa en numerosas exposicións tanto individuais como colectivas das que cómpre salientar "Unidos pola arte" 2012 en Santiago de Compostela.

Fernando Riveiro está interesado na artelixo e no collage. Este artista autodidacta, inicia a súa andaina expositiva a mediados dos anos oitenta. Caracterízase por moverse á marxe dos circuítos convencionais, sendo un outsider dentro do panorama artístico. As súas obras, principalmente pinturas, collages e esculturas, son afrontadas como unha ensamblaxe a través de diferentes elementos e soportes. Conta cunha longa traxectoria expositiva e vén de expoñer no Pazo de Bendaña en Compostela que xestiona a Fundación Granell.

Compartir: