Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello inicia o proceso para contratar o...

ADXUDICADAS MELLORAS NA BIBLIOTECA REGO DA BALSA

O Concello inicia o proceso para contratar o servizo de limpeza de praias por un período de catro anos

Luns 11 de abril do 2016

Praia de Razo

Praia de Razo

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de aprobar o expediente de contratación para adxudicar o "Servizo de limpeza de praias do Concello de Carballo", que ten un orzamento base de licitación de 95.889,87 euros ao ano, sumando o contrato -por todo o período de duración do mesmo (4 anos + 2 prórrogas anuais)- un importe de 575.339,23 euros (IVE incluído). A adxudicación realizarase a través de procedemento aberto, con varios criterios de adxudicación, incluíndo a valoración non só da oferta económica, senón tamén do persoal contratado, dos medios materiais e técnicos ou das melloras sobre o servizo de limpeza.

A limpeza dos areais do municipio custará preto de 100.000 euros ao ano (IVE incluído)

No apartado de contratación, a sesión tamén supuxo a adxudicación do contrato de "Subministro de reacondicionamento de instalacións da Biblioteca Municipal Rego da Balsa". A través desta actuación poderanse realizar as reparacións dos desperfectos rexistrados na Biblioteca o pasado inverno a raíz dunhas inundacións. A empresa que se fará cargo do subministro é IDM Pereira SL, cun prezo de adxudicación de 30.855 euros e o prazo de entrega do material será de 42 días naturais a contar a partir do día seguinte ao da sinatura do contrato administrativo. O prazo de garantía, segundo a oferta do contratista, será de 36 meses dende o día seguinte ao da sinatura da acta de recepción do subministro.

Materiais para Derrubando muros

A sesión incluíu, así mesmo, a aprobación do contrato administrativo de "Servizos de materiais de pintura para os programas de arte urbana do Concello de Carballo" con un prezo base de licitación de 36.000 euros (IVE incluído). O prazo de duración do contrato será de tres anos e valorarase o subministro, non só da pintura plástica, senón tamén de sprays e difusores, de rodillos, brochas, cinta de papel ou alargadeiras. No apartado de cultura, a sesión supuxo así mesmo a aprobación do programa de actividades do proxecto Apego, para a socialización en galego da infancia, para o segundo trimestre de 2016, que inclúe, coma en ocasións anteriores, un ampla variedade de obradoiros, contacontos e actuacións musicais que se desenvolverán ata mediados de xuño. Por último, a Xunta de Goberno supuxo a aprobación de dúas licenzas de obra e unha licenza de parcelación.

Compartir: