Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello estrea páxina web cun novo...

O NOVO SERVIZO PERMITE CREAR MICRO-WEBS ESPECÍFICOS

O Concello estrea páxina web cun novo portal de transparencia e adaptada para dispositivos móbiles e tablets

Xoves 14 de abril do 2016

Rolda de prensa

O Alcalde e a 1ª e 2ª tenentes de alcalde xunto cun responsable de Abertal

Carballo estrea unha nova páxina web institucional que reorganiza a información, que está centrada na transparencia e que nace adaptada para a visualización en dispositivos móbiles e tablets. O novo servizo pretende potenciar a presenza das imaxes, así como ofrecer unha interfaz máis visual que permita unha navegación máis intuitiva. Así o explicaron na presentación da nova ferramenta o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, así como a Concelleira de Planificación Urbana, Milagros Lantes, e a de Facenda, Belén Lendoiro, ademais dos responsables da empresa carballesa Abertal, encargada de construír a páxina. Ferrero subliñou que "a páxina web necesitaba unha actualización porque estaba moi cargada". A nova nace co obxectivo de ser "máis axil, ademais de cumprir co esixido pola Lei de transparencia". 

Así, a creación dun novo Portal de transparencia foi un dos principais obxectivos nos que se traballou á hora de deseñar o novo espazo web, tentando que a información "sexa máis accesible aos cidadáns". Nestes momentos este portal está nunha primeira fase, na que está dispoñible a información económica e financeira, os datos dos procesos de contratación municipal, os rexistros de intereses coa declaración de bens de todos os concelleiros e concelleiras da corporación ou todas as ordenanzas en vigor. Porén, está previsto ampliar e seguir mellorando este servizo coa incorporación de novos datos e funcións no futuro.

Microsites para diferentes áreas ou eventos específicos

Cada un dos eventos importantes que teñen lugar na vila ao longo do ano poderá contar co seu propio espazo web

Máis aló da transparencia, o novo web tamén artella novas ferramentas para a organización da información, como é a creación de microsites específicos para áreas concretas que contan con moitas actividades ao longo do ano, citas que espertan especial interese entre os veciños e veciñas. Tal é o caso dos departamentos de Cultura, Deporte e Lingua, que contan cun 'microsite' propio ao que se pode acceder directamente para consultar as novas e eventos relacionados con esa área.

Outra das ferramentas dispoñibles é a creación de 'especiais' ao longo do ano para festivais, programas e eventos específicos. Deste xeito cada un dos eventos importantes que ten lugar na vila ao longo do ano pode contar co seu propio espazo web sen a necesidade de crear unha páxina específica con desenvolvemento propio, senón habilitando a súa propia área no web municipal. Nestes momentos, por exemplo, está en marcha Primavera enDanza, cun apartado no que consultar toda a información relacionada, dende as citas, á venda de entradas, toda a programación, novas relacionadas, etc.

O obxectivo é que os usuarios e usuarias do web sexan quen de filtrar fácilmente a información ofrecida na nova páxina, accedendo aos contidos que lles interesen da mellor maneira posible.

Unha páxina máis visual

Outra das características que implican unha notable mellora respecto do web anterior é a adaptación do web a dispositivos móbiles e tablets grazas ao seu "responsive design", un sistema que permite que a configuración da portada e dos diferentes apartados se adapte automáticamente ao tamaño de calquera pantalla de visualización, xa sexa a dun ordenador ou a de móbiles e tablets. Tamén o deseño e a organización da información están ao servizo dunha páxina máis visual, na que as imaxes teñen moita importancia e a navegación intuitiva facilita a xestión dos contidos por parte dos usuarios e usuarias.

Compartir: