Inicio Carballo ao día Hemeroteca Maxia, contacontos, libros, concertos, obradoiros...

CITAS ENTRE O 13 DE ABRIL E O 16 DE XUÑO

Maxia, contacontos, libros, concertos, obradoiros e moito galego na programación de Apego para a primavera

Xoves 14 de abril do 2016

Rolda de prensa

Inés Rodríguez e Evencio Ferrero debullaron o programa

Máis de cen familias carballesas e mil en toda Galicia son xa familias con Apego, unidas arredor do programa para a socialización en galego da infancia: "pola vida e pola lingua". Todas elas están inscritas nesta iniciativa -dirixida a familias que están agardando un bebé ou que teñen crianzas de 0 a 6 anos- que cada vez ten máis adeptos e que, en verbas do Alcalde, Evencio Ferrero, está tendo moi boa acollida, coa recente incorporación de once novos concellos, incluíndo o da Coruña ou os de Vimianzo e Ponteceso; e coa celebración en Carballo dunha serie de citas que case sempre colgan o cartel de completo. "Resulta moi reconfortante ver o vestíbulo do Pazo da Cultura cheo de carriños de recéns", cunha resposta do programa "altísima" e "cunha acollida extraordinariamente positiva".

A Concelleira de Normalización Lingüística, Inés Rodríguez, debullou as actividades que o programa Apego garda para as próximas semanas e entre as que destacan os xa habituais contacontos na Biblioteca Rego da Balsa; propostas especiais como a maxia e a música entre libros de Martín Camiña e Álvaro Muras; concertos con Fran Amil ou o BiblioCanta; obradoiros para que as nais e pais aprendan a educar e a comprender mellor ás súas crianzas; ou o peche xa o 16 de xuño cos contos musicados de Servando Barreiro. Todas as citas, excepto a danza coa compañía Traspediante o domingo 17 de abril, que custa 3€ (2€ prezo especial con desconto) son de balde.

Accións para crianzas de 0 a 6 anos

Dende a súa posta en marcha, o programa Apego consistiu na realización de accións centradas nas crianzas de entre 0 e 6 anos, mais que abranguen os diferentes contextos da vida dos nenos e nenas. Deseñáronse e distribuíronse materiais específicos, organizáronse actividades, achegáronse argumentos, información e recursos, etc., para as familias e para os profesionais. En todas as accións do proxecto resalta a valoración positiva da lingua e a necesidade de que colectiva e individualmente nos comprometamos con este herdo para que no futuro as nosas cativas e cativos poidan seguir gozando del. Para que todos "gocen con que en galego estamos no mundo", en verbas do Alcalde. 

Todos os horarios das citas polo miúdo, así como os lugares e datas de celebración, poden coñecerse máis abaixo descargando o programa en pdf.

Descargas

Novas relacionadas

Compartir: