Inicio Carballo ao día Hemeroteca A performance visual de Javier Martín e o...

O VENRES 15 E O DOMINGO 17 DE ABRIL NO PAZO DA CULTURA

A performance visual de Javier Martín e o funambulismo e o clown de Traspediante: espectáculos desta finde en Primavera enDanza

Xoves 14 de abril do 2016

Traspediante

Un momento de Up2Down (foto Adriana Pazos)

A terceira finde de abril viste de novo co traxe da danza con obradoiros e espectáculos para todos os públicos. O venres 15 de abril continúan os obradoiros de danza contemporánea nos institutos de enseñanza secundaria impartidos polo bailarín Javier Martín, que achegará ao público xuvenil o seu traballo. Serán no IES Monte Neme de 11.00 a 12.30h.; e no IES Alfredo Brañas de 13.00 a 14.30h. Xa á noitiña, ás 20.00h. do mesmo venres, o mesmo Javier Martín porá en escena o seu espectáculo Antioedipus aut homunculus unha perfomance de improvisación a nivel de movemento, na que o espectador é parte activa da creación.

Javier Martín é un creador e intérprete galego de danza contemporánea, que colabora e aprende con artistas do panorama actual. Este espectáculo ten como novidade que se realizará no Salón de Actos, no 2º andar do Pazo da Cultura, a entrada libre e gratuíta e está patrocinado pola Deputación da Coruña dentro das Residencias Artísticas e extensións 2016 do Teatro Colón e da Deputación da Coruña.

Clown para nenos e nenas

Danza en familia con UP2Down o domingo 17 de abril ás 18.00 horas

A programación da fin de semana remata o domingo 17 de abril cos máis cativos e cativas, que poderán gozar da danza a través do espectáculo Up2down da compañía Traspediante. O movemento, o clown, o funambulismo e a danza serán o elementos principais desta peza coreográfica de danza e circo. Dúas bailarinas interpretan personaxes definidas polo seu antagónico: o alto e o baixo. A funambulista etérea e a ideal pallasa terreal e mundana crean un universo singular.

A función comezará ás 18.00h. e a entrada é de 3€ e de 2€ (con descontos especiais), podendo reservarse as entradas no teléfono 981 704 300 ou na Concellaría de Cultura-Pazo da Cultura de 10.00 a 14.00 horas.

Compartir: