Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os parques infantís de Carballo contan con...

A EMPRESA STROW VÉN DE EMITIR OS INFORMES FAVORABLES

Os parques infantís de Carballo contan con cadansúa certificación de seguridade na que se testemuña que cumpren a normativa

Venres 15 de abril do 2016

O Alcalde e o Concelleiro de Obras hai unhas semanas no Parque Infantil de Bértoa

O Alcalde e o Concelleiro de Obras hai unhas semanas no Parque Infantil de Bértoa

A empresa Strow, entidade certificada en inspección e calidade de áreas de xogos, vén de emitir un total de 40 informes favorables para outros tantos parques infantís do Concello de Carballo no que se testemuña que todos os elementos incluídos neles cumpren coa normativa en materia de seguridade. O documento inclúe unha ficha de cada xogo coa súa denominación, fabricante e ano, a súa situación, número de unidades e data de revisión. Todos os documentos foron emitidos entre finais de 2015 e primeiros de 2016.

Hai que lembrar que todos os parques infantís do municipio veñen de pasar por un proceso de renovación e mellora a través dunha actuación que levou a cabo a empresa Jardinería Arce, e que supuxo un investimento de de 95.095 de fondos propios do Concello de Carballo. Despois da substitución ou arranxo de todos os elementos deteriorados, o Concello conta xa co informe de verificación que indica que todos os xogos e parques están en óptimas condicións.

Un total de cuarenta espazos contan cun informe específico que avala a súa calidade e a seguridade dos seus xogos

Os parques infantís que contan coa certificación de seguridade son os sequintes: Praza do Concello, Parque do Anllóns (I e II), Parque do Chorís, Rego da Balsa, Rúa Eduardo Pondal, Praza da Cruz Vermella, A Milagrosa, A Ponte, Praza do Outeiro, Praza Hospital, A Brea, CEIP Xesús San Luís Romero, CEIP Fogar, CEIP A Gándara, CEIP Nétoma, Praia de Arnados (Razo), Centro Social de Sofán, Praza de Ramil, Capela de Santa Lucía (Feira de Berdillo), Ramil (Rus), San Paio (Entrecruces), Rapadoiro (Noicela), Vilela, Escola de Cances da Vila (Cances), Parque Xoane (Carballo), Escola As Encrucilladas (Oza), Escola de Xoane (Goiáns), Escola A Raíña (Sísamo), Escola O Moucho (Berdillo) e Escola de Gontade (Ardaña), Escola Infantil As Landras, Capela de Paradela, As Pallas, en Vivente (Ardaña), na Escola As Carballeiras (Bértoa), na Escola O Mirón (Bértoa) na Escola O Almacén (Artes), na Escola O Piñeiro (Entrecruces) e na Escola de Outón (Rus).

Nesta relación non se inclúe o parque situado no San Cristovo porque o Concello espera emprender un plan de mellora integral específico para ese espazo.

Primeiros xogos adaptados

Hai que lembrar que o proxecto para mellorar os parques infantís permitiu, ademais, poñer a disposición dos nenos e nenas con problemas de mobilidade os primeiros xogos adaptados, que se situaron na praza de Eduardo Pondal. Polo de agora realizouse a mellora só neste espazo debido a que este tipo de xogos requiren dunha superficie que non existe en todos os parques, aínda que a intención do goberno municipal é seguir implantándoos onde sexa posible.

O Concello pón a disposición de todos os veciños e veciñas a documentación pertinente para que todos os interesados e interesadas podan examinar as certificacións de cada un dos parques do municipio. Está dispoñible nunha relación en pdf que pode consultarse máis abaixo nesta mesma nova.

Descargas

Compartir: