Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Carballo Interplay selecciona 36 webseries,...

YOLANDA MUÍÑOS CONDUCIRÁ A GALA DE ENTREGA

O Carballo Interplay selecciona 36 webseries, algunhas de Canadá, Nova Zelanda ou EEUU, para competir polos 5.000 euros en premios

Martes 19 de abril do 2016

Dalle Jas

Un fotograma da webserie "Dalle Jas"

Un total de 36 webseries de todo o mundo competirán na sección oficial da terceira edición do Festival de contidos dixitais Carballo Interplay, que se celebrará os días 5, 6 e 7 de maio e que repartirá máis de 5.000 euros en premios. O comité de selección, conformado por seis persoas de diferentes ámbitos do sector audiovisual e da rede elixiu, entre máis de 122 propostas chegadas de todo o mundo, un total de 9 webseries galegas, 15 do resto do Estado e 12 do resto do mundo. Entre as internacionais hai webseries de Arxentina, Nova Zelanda, EEUU, Canadá, Francia, Alemania, Reino Unido, Italia e Suíza. 30 delas competirán polo premio á mellor webserie de imaxe real e 6 á de animación, 12 ao premio á mellor webserie internacional e 7 á de versión orixinal en galego.

O Carballo Interplay ofrecerá, así, unha completa panorámica do que se está a cocer no mundo das webseries a nivel global. O humor terá unha presenza abrumadora (28 das 36 webseries finalistas son comedias), pero as temáticas son moi variadas: ciencia ficcción, viaxes, aventura, sátira política... Tamén haberá oco para o drama, o documental e o thriller. E, por suposto, un amplo abano de mesturas e de experimentos formais e conceptuais, tan propios do sector máis atrevido e imaxinativo do audiovisual contemporáneo.

A actriz carballesa Alba Bermúdez finalista con Dalle Jas

As webseries proxectaranse en seis bloques no Pazo da Cultura nas tardes do xoves 5, venres 6 e sábado 7 de maio

As 36 webseries finalistas proxectaranse en seis bloques -un de versión orixinal en galego, dous internacionais e tres do Estado- nas tardes do xoves 5, do venres 6 e do sábado 7, no Auditorio de Carballo. Cada bloque terá unha duración de entre unha hora e unha hora e cuarto e a entrada, como en todas as actividades do Festival, é libre e gratuíta até completar aforo.

As webseries galegas elixidas son: PIB (Produto Interior Bruto), Gafas e Pallaso, Dalle Jas, Chola&Lola, Veciños, Poetarras, Teño unha horta en San Sadurniño, Orfanato Atroz e El método sueco (estas dúas últimas, en castelán). Entre elas hai que subliñar que na webserie Dalle Jas participa a carballesa Alba Bermúdez, como actriz e como integrante de Triatreros, produtora da webserie. As do resto do Estado son: Briget Jon de Triana, Beto, Rubia en apuros, Dos más dos cinco, La Supercafetera, Viveylate, Waytrippers, Pedro Reyes for president, Niño Ratón, El Colega Canario, El Partido, Crisis Cartoons, Breaking Bed, Black Stuff e Les coses grans. E as do resto do mundo son: Whatever Linda, Mundillo, Instrucciones para humanos, Zozo "The Fugitive Of The Space", Aventuras de corazón roto, K Rd Stories, Night School. The Web Series, Emmas Welt, El Caso Q, Arthur, The MUTE Series e Status.

O xurado e a gala con Yolanda Muíños

A actriz Yolanda Muíños

A actriz Yolanda Muíños

As seis persoas encargadas de elixir as webseries gañadoras serán Noel Ceballos, xornalista especializado en cultura popular; Miriam Hernanz, directora do Lab de RTVE.es; Niko Gómez, creador de Cálico electrónico, a webserie de animación máis relevante dos últimos 10 anos; Carlota Núñez, unha das youtubers galegas máis seguidas; Araceli Gonda, en representación da Asociación Galega de Guionistas; e Jorge Coira, en representación da Asociación de Directores e Realizadores de Galicia.

O resultado da súa deliberación coñecerase na gala de clausura, conducida por Yolanda Muíños, o sábado 7 de maio a partir das 20.00 horas, no Auditorio do Pazo da Cultura.

Compartir: