Inicio Carballo ao día Hemeroteca Volve a Semana do Libro de Carballo con...

ENTRE O 24 E O 29 DE ABRIL: DE BALDE NO PAZO DA CULTURA

Volve a Semana do Libro de Carballo con contacontos, maxia, obradoiros, teatro e moito amor pola lectura

Xoves 21 de abril do 2016

Rolda de prensa

O Alcalde, Evencio Ferrero; o Concelleiro de Cultura, Marcos Trigo; e Carme Vilariño, da AS-PG

A Semana do Libro e a Lectura cumpre once anos animando aos nenos e nenas de Carballo a ler a a gozar co universo que se agocha nos libros. Precisamente moitos libros, da man das editoriais colaboradoras, pero tamén teatro, maxia, contacontos, obradoiros e exposicións invadirán entre o 24 e o 29 de abril o Pazo da Cultura para que os máis cativos e cativas, e os que non o son tanto, aprendan sobre o amor pola lectura. Este ano, o lema da cita é Canta Bichería, unha homenaxe aos animais, monstros, seres fantásticos e personaxes que enchen de imaxinación e de aventuras o universo dos libros infantís. Serán 25 obradoiros e catro sesións teatrais para construír unha festa da lectura.

Carme Vilariño, directiva da AS-PG, organizadora da cita xunto co Concello de Carballo, subliña que este salón do libro está dirixido tanto aos nenos e nenas, como ás nais e pais e ao profesorado dos centros de ensino, sen cuxa colaboración non sería posible sacar a iniciativa adiante, ao igual que sen a colaboración das editoriais, a Fundación Luís Calvo, patrocinadora da cita, e o propio Concello.

Citas para o alumnado e para o público en xeral

A AS-PG está ultimando os espazos expositivos do 21 andar do Pazo

A AS-PG, ultimando as exposicións

Como cada ano, a Semana do Libro artéllase arredor de dous tipos de citas. Por un lado, as mañás están reservadas paras os centros de ensino, para que os nenos e nenas de Infantil e Primaria ocupen as súas horas lectivas en citas relacionadas coa lectura: teatro, un obradoiro plástico-literaro, outro de gravado, outro de construcións imaxinarias, un taller de debuxo e outro de animais imaxinarios, a creación de "bichos robóticos", maxia ou contos son algunhas das actividades coas que poderán desfrutar. Por outra banda, as tardes o Pazo da Cultura abre as súas portas para que todo o público o pase de marabilla cos contacontos, pero tamén coa maxia de Martín Camiña. 

Ademais, o segundo andar do Pazo da Cultura estará invadido por varias exposicións elaboradas tanto con libros e materiais cedidos por distintas editoriais (Baía, Cumio, Kalandraka, OQO editora, Urco e Xerais), como polos traballos elaborados polo alumnado dos centros de ensino de Carballo, que, coa axuda do profesorado e inspirados polo tema deste ano e polo traballo de Manuel María, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas, deixan voar a súa imaxinación.

Para o Alcalde é fundamental que os nenos e nenas conten cun espazo como a Semana do Libro no que

O Alcalde, Evencio Ferrero, quixo transmitirlle os seus parabéns á AS-PG pola súa capacidade organizativa, que se plasma en Carballo ano tras ano coa Semana do Libro. Ferrero subliñou que "o formato festival sempre funciona", como o demostra que ano tras anos máis de 2.000 persoas pasen polo Pazo da Cultura durante a Semana do Libro. Para o Alcalde, é fundamental que os nenos e nenas conten cun espazo co que "aprender xogando, lendo e disfrutando".

Quixo agradecer, ao igual que o Concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, a colaboración da Fundación Luís Calvo Sanz, sen a que non sería posible a celebración desta cita e doutras moitas relacionadas coa vida cultural, deportiva e social de Carballo que teñen lugar ano tras ano. Rematou desexando que toda a veciñanza goce os próximos días "do libro e da lectura".

Descargas

Compartir: