Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno aborda a aprobación dun plan...

O CONCELLO PAGA AOS SEUS PROVEDORES EN 7,03 DÍAS

O pleno aborda a aprobación dun plan económico que reducirá a cero a débeda do Concello con entidades financeiras

Venres 22 de abril do 2016

Rolda de prensa

A Concelleira de Facenda e o Alcalde de Carballo durante a rolda de prensa

A sesión plenaria ordinaria do mes de abril que ten lugar o luns 25 a partir das 20.30 horas conta con tan só tres asuntos na orde do día, entre os que destaca a aprobación dun Plan económico financeiro para o Concello de Carballo que regulará o gasto municipal. A pesar de que o Concello pechou o exercicio de 2015 cun remanente para gastos xerais de 6,8 millóns de euros e que a liquidación do presuposto de 2015 reflicte un resultado orzamentario de 3.940.1714,35 euros, a Lei estipula que os concellos non poden gastar máis que o crecemento do Produto Interior Bruto (PIB) do Estado, cifrado no 1,3 por cento en 2015. Dado que o Concello investiu o pasado exercicio un índice superior ao 1,3 por cento do seu orzamento, e a pesar de contar cunhas contas saneadas, debe aprobar este plan de estabilidade, elaborado e supervisado polos servizos económicos municipais, e realizar un seguimento durante os anos 2016 e 2017 para controlar que se respecta a regra do gasto que marca a Lei.

Segundo estipula o plan, o Concello poderá incorporar como máximo 1,8 millóns do remanente de tesourería

O Alcalde, Evencio Ferrero, e a Concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, debullaron nunha rolda de prensa os detalles deste plan, no que se detalla tanto a xustificación da obrigatoriedade de elaboralo, como as causas, a previsión de ingreso e gasto ou as medidas que se deben tomar. Ferrero sinala que os servizos de Intervención afirman que "non hai problemas na xestión nin dos ingresos nin dos gastos", polo que o plan non recolle en ningún momento a suba ou o axuste das taxas municipais. O que sí recolle como medida é controlar o gasto financiado a través do remanente de tesourería, que queda limitado en 2016 a 1,8 millóns de euros. Tanto o Alcalde como a Concelleira lamentaron que "un Concello como o de Carballo, cun superávit importante", cifrado en máis de 1.880.000 euros, e "cunha débeda case nula" teña que estar "encorsetado" debido a un parámetro que nada ten que ver coa situación das arcas municipais, como é o Producto Interior Bruto.

Poderán investirse 400.000 euros en proxectos sostibles

A débeda actual do Concello con entidades finaceiras, cifrada en 840.000 euros, quedará saldada

O plan recolle que o Concello só poderá destinar eses 1,8 millóns de euros para realizar investimentos moi concretos. En primeiro lugar, 600.000 euros destinaranse para afrontar os gastos dalgúns dos contratos asinados en 2015 que aínda están en proceso de execución e non están certificados nun cen por cen, como é o caso da substitución da cuberta do Pavillón Vila de Noia ou o proxecto para a humanización da rúa Martín Herrera e a contorna da Igrexa. En segundo, o goberno acordou cos servizos económicos reducir a cero a débeda do Concello con entidades financeiras, nestes momentos de 840.000 euros. Saldaríase esta cantidade de tal forma que non restaría ningunha débeda pendente, tan só a do Plan de Aforro e Investimentos da Deputación da Coruña (PAI), que achega o seu importe a través da fórmula de empréstito para todos os concellos da provincia e que supón unha débeda mínima en relación ao orzamento municipal.

Restarían arredor de 400.000 euros do remanente que a Lei estipula que deben ser destinados á realización de actuacións sostibles. Tanto Ferrero como Lendoiro manifestaron que o goberno aínda non sabe a que proxectos se destinará esta cantidade, aínda que están traballando cos servizos técnicos municipais para estudar as posibilidades de investimento.

Informe contra a morosidade

Nunha sesión plenaria marcada polos asuntos económicos, a orde do día recolle a dación de conta do Informe de Intervención e Tesourería do cumprimento da Lei contra a morosidade relativo ao primeiro trimestre de 2016. Nestes momentos, as administracións locais contan cun máximo de 60 días para abonar as súas facturas. O Estado recolle que deben pasar só 30 días dende que se rexistra a factura ata que finaliza a súa tramitación; e logo tan só poden pasar outros 30 días dende que remata a tramitación ata que se abona. Entre xaneiro e marzo de 2016 o período de pago do Concello foi de 37,03 días, o que significa que pasa pouco máis dunha semana (7,03 días) dende que finaliza o trámite administrativo ata que o Concello efectúa o pago.

O Alcalde sinalou que a porcentaxe rexistrada é "moi boa" e manifestou que "seguiremos traballando para estar dentro dos parámetros da lei e, se é posible, melloralos". Respecto do importe total das facturas abonadas no primeiro trimestre do ano: pagáronse 930 facturas por un importe de 1.856.691 euros dentro de prazo; e fóra do périodo legal, 529 facturas por un importe de 359.041,91 euros.

Compartir: