Inicio Carballo ao día Hemeroteca Comeza o proceso para contratar as obras de...

O IMPORTE DOS TRABALLOS SUPERA OS 650.000 EUROS

Comeza o proceso para contratar as obras de reparación de vías en Bértoa, Razo, Oza, Noicela e Vilela, incluídas no POS 2016

Luns 25 de abril do 2016

Razo

Vista da parroquia de Razo

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria, vén de aprobar os expedientes de contratación para emprender as obras incluídas no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (POS 2016) que ten un importe total de 819.896,73 euros (IVE incluído) e que o goberno destinará integramente a mellorar os viais secundarios -aqueles con maior intensidade de uso que comunican parroquias e lugares- do medio rural do Concello. Durante a sesión iniciáronse os trámites para contratar o proxecto de reparación de viais secundarios nas parroquias de Noicela e Vilela por 211.718,31 euros; na parroquia de Bértoa por 245.588,87 euros; e nas parroquais de Razo e Oza por 208.686,92 euros, que suman un importe superior aos 650.000 euros. Quedaría pendente o Plan Complementario, reservado para mellorar viais en Lema e Rebordelos por 153.902,63 euros. A sesión tamén supuxo luz verde para o expediente que permitirá emprender a contratación das obras de "Rebacheo de camiños na parroquia de Rus" por un importe de 52.557,50 euros, que están incluídas no Plan Adicional do POS 2015.

O obxectivo do POS é mellorar os viais con maior intensidade de uso que comunican parroquias e lugares do medio rural do Concello

Tamén no apartado de contratación saíu adiante o expediente para comezar o proceso de adxudicación do servizo de correo electrónico na nube en modo SaaS (Software as Service) do Concello de Carballo. O novo servizo servirá para xestionar as contas de correo electrónico corporativas do Concello mediante a implementación dunha solución integral que garanta a seguridade así como o cumprimento da lei de protección de datos. O orzamento base de licitación inclúe un prezo anual do contrato (IVE incluído) de 16.940 euros, cun presuposto global polo pèríodo de duración inicial do contrato -de catro anos- de 67.760 euros. Recóllese a posibilidade de estipular dúas prórrogas dun ano cada unha que elevarían a contía do contrato -por un período de seis anos- a 101.640 euros.

32 agrupacións no Convenio Musical 2016

No apartado de convenios, a Xunta de Goberno incluíu a aprobación do Convenio Musical 2016 coas agrupacións correspondentes, un total de 32. O Concello de Carballo establecerá convenios específicos de actuacións con estes grupos musicais do municipio para que lles oferten as súas actuacións ás asociacións, ás comisións de festas ou outras entidades culturais e sociais sen ánimo de lucro que realicen actividades culturais en Carballo que inclúan actuacións musicais. O importe global das actuacións concertadas no convenio (un total de 64, dúas por cada agrupación) ascende a 20.300 euros.

Tamén saíu adiante a adhesión a un convenio de colaboración entre a Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e a FEGAMP en materia de xestión de residuos e aparellos técnicos e electrónicos. A través do acordo marco dótase aos Puntos Limpos dos municipios do equipamento necesario para a recollida deste tipo de residuos, así como para o seu almacenamento.

Subvencións

A Xunta de Goberno aprobou a solicitude de adxudicación de equipamento de emerxencias ao abeiro da orde do 21 de marzo de 2016 da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza que está dirixida a concellos con menos de 50.000 habitantes. O Concello solicita unha axuda para contar con embarcacións pneumáticas de salvamento e rescate e con remolques de salvamentos e rescate.

Por último, a sesión supuxo a aprobación da programación do Festival Carballo InterPlay que se celebrará os días 5, 6 e 7 de maio de 2016; así como, fóra da orde do día, as bases do concurso de webseries que terá lugar no marco do festival; tamén se aprobaron na Xunta de Goberno cinco licenzas de obra.

Compartir: