Inicio Carballo ao día Hemeroteca Luz verde do pleno con 16 votos a favor para un...

INVESTIRANSE 400.000 EUROS EN PROXECTOS SOSTIBLES

Luz verde do pleno con 16 votos a favor para un plan económico que reducirá a cero a débeda do Concello con entidades financeiras

Martes 26 de abril do 2016

Pleno 25 abril 2016

Un momento da sesión plenaria ordinaria de abril

A corporación carballesa celebrou o luns 25 de abril unha sesión plenaria ordinaria na que o único punto de relevancia na orde do día foi a a aprobación dun Plan económico financeiro para o Concello de Carballo que regulará o gasto municipal. Saíu adiante cos votos a favor de todos os membros da corporación a excepción dos cinco concelleiros do PP. Trátase dunha medida avalada polos servizos económicos municipais e marcada porque a Lei estipula que os concellos non poden gastar máis que o crecemento do Produto Interior Bruto (PIB) do Estado, cifrado no 1,3 por cento en 2015. Dado que o Concello investiu o pasado exercicio un índice superior ao 1,3 por cento do seu orzamento, e a pesar de contar cunhas contas saneadas (cun remanente para gastos xerais de 6,8 millóns de euros), debiu aprobarse este plan de estabilidade e realizarase un seguimento durante os anos 2016 e 2017 para controlar que a administración local respecta a regra do gasto que marca a Lei.

O Concello poderá destinar en 2016 aproximadamente 400.000 euros para desenvolver proxectos de carácter sostible

O plan permitirá investir tan só 1,8 millóns do remanente, dos cales 840.000  se reservarán para saldar por completo a débeda do Concello con entidades bancarias; e aproximadamente 400.000 euros poderán destinarse, segundo estipula a Lei, á realización de actuacións sostibles que serán concretadas nas próximas semanas.

Nunha sesión plenaria marcada polos asuntos económicos, a orde do día tamén recolleu a dación de conta do Informe de Intervención e Tesourería do cumprimento da Lei contra a morosidade relativo ao primeiro trimestre de 2016. Entre xaneiro e marzo de 2016 o período de pago de facturas do Concello foi de 37,03 días, o que significa que pasa pouco máis dunha semana (7,03 días) dende que finaliza o trámite administrativo da factura ata que o Concello efectúa o abono.

A sesión, de pouco máis de media hora de duración, rematou coa quenda de rogos e preguntas.

Novas relacionadas

Compartir: