Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Alcalde asina a prórroga que...

O SISTEMA ENTROU EN FUNCIONAMENTO NO MUNICIPIO EN 2015

O Alcalde asina a prórroga que permitirá que a veciñanza siga a beneficiarse dos descontos do Plan de Transporte Metropolitano

Martes 26 de abril do 2016

Plan de Transporte metropolitano

O Alcalde (segundo da fila da esquerda, contando pola esquerda) vén de asinar a prórroga

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asistiu hoxe martes 26 de abril a unha xuntanza da Comisión de Seguimento do Transporte Metropolitano da Coruña na que os concellos implicados aprobaron por unanimidade a renovación do Plan de Transporte Metropolitano para o ano 2017. As bonificacións comezaron a aplicarse no municipio carballés a partir do luns 14 de setembro de 2015, cando o Concello pasou a formar parte efectiva do Plan. A Xunta contribúe co 80 por cento da bonificación no traxecto principal entre A Coruña e Carballo e o Concello co 20 por cento restante, con cargo ás arcas municipais. A Xunta, tamén asume a bonificación dos transbordos para o transporte público na cidade de destino e os descontos adicionais aos usuarios habituais (15 por cento) e ás familias numerosas (20 ou 50 por cento segundo se teña tres fillos e fillas ou máis). A área de Transporte Metropolitano da Coruña está constituída por 14 concellos: A Coruña, Oleiros, Arteixo, Culleredo, Sada, Betanzos, Bergondo, Abegondo, Carral, Cambre, Laracha, Oza- Cesuras, Cerceda e Miño, Ordes e Curtis, ademais de Carballo.

Funcionamento do sistema

Hai que lembrar que para poder beneficiarse dos descontos os veciños e veciñas deben adquirir uns dispositivos de pago que poden obterse na entidade bancaria que os subministra, ABanca. Poden recollerse sen necesidade de ter unha conta asociada á entidade, tan só presentado o DNI, e funcionan como tarxetas moedeiro que deben recargarse nas oficinas ou nos caixeiros. Un veciño ou veciña de Carballo que se desprace ata A Coruña aforra máis dun euro por traxecto, ao ter que pagar 3,13 euros, no canto de 4,53. O Plan tamén persegue un incremento do uso do transporte público,en detrimento do vehículo particular, feito que supón unha diminución da contaminación nas grandes cidades.

Compartir: