Inicio Carballo ao día Hemeroteca As I Xornadas Empresariais de Bergantiños...

TERÁN LUGAR NO FÓRUM OS DÍAS 10, 19 E 26 DE MAIO

As I Xornadas Empresariais de Bergantiños nacen para tomarlle o pulso á realidade económica e ofrecer solucións para o sector

Xoves 28 de abril do 2016

Rolda de prensa

De esquerda a dereira Antonio Álvarez González, Evencio Ferrero e Pedro Fariña

Traballar para que "o tecido empresarial se fortaleza e se consolide"; ou "axudar a entender o escenario socio económico que vivimos a día de hoxe". Así resumían o Alcalde, Evencio Ferrero, e o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, os obxectivos das I Xornadas Empresariais de Bergantiños, unha cita que se desenvolverá os días 10, 19 e 26 de maio no Fórum Carballo e que está dirixida a pequenas e medianas empresas, a traballadores autónomos, emprendedores, funcionarios, analistas de riscos, inventores técnicos, empresas familiares e, en xeral, a calquera profesional relacionado co mundo da empresa. Economistas que teñen traballado en marcas tan coñecidas como Ottis ou Pirelli, fundadores de empresas pioneiras como 3D Limitless, responsables de empresas da comarca con historia como Cerámicas El Progreso (con Pedro Fariña), representantes de entidades bancarias como CaixaBank, responsables políticos como o director xeral do Igape ou cargos da Xunta, así como técnicos e asesores completan o variado programa das xornadas.

Todas as citas son gratuítas e ninguén cobra tampouco por impartir os faladoiros ou organizar as actividades

Antonio Álvarez González, moderador das xornadas e socio director de Eurogabinete, entidade organizadora coa colaboración do Concello e a Asociación Castaño y Nogal, quixo subliñar o carácter gratuíto de todos os faladoiros, nos que "ninguén paga por participar e ninguén cobra", para que estean abertos a todas as persoas interesadas e sobrepasen calquera tipo de barreira ideolóxica coa arela de ser útiles e "empregar o sentido común para ver os problemas e atopar solucións".

Analizar a situación e buscar a redución do fracaso empresarial

Durante as sesións, analizaranse os condicionantes da actividade empresarial, partindo dos datos estatísticos e dos obstáculos ao emprendemento e ao desenvolvemento dos proxectos. O excesivo peche de empresas en Galicia e na comarca, con 320 baixas entre 2009 e 2014 só en Bergantiños; a carencia de sucesión nas empresas de éxito; os obstáculos políticos e burocráticos para o desenvolvemento do emprendemento; ou as carencias do crédito bancario son algunhas das problemáticas que menciona Álvarez González.

Tamén se procurará sensibilizar sobre os riscos patrimoniais e os costes tributarios aos socios e empresas derivados do abuso de capitais mínimos; e especialmente buscarase formular recomendacións para consolidar proxectos, reducir o fracaso ou evitar, na medida do posible, os peches empresariais.

Por motivos de aforo é necesario realizar unha inscrición previa, que pode formalizarse no 981 126 069 ou por correo electrónico

Aínda que a asistencia a todas as citas é gratuíta, por motivos de aforo é preciso formalizar inscrición previa, que pode facerse a través da páxina web <www.eurogabinete.com> ou do teléfono 981 126 069. As citas serán no Fórum Carballo a partir das 18.45 horas, coa recepción de participantes e público de 18.15 a 18.45 horas. Está previsto que en cada xornada haxa tres sesións de carácter participativo, na que se conta coa implicación dos asistentes para conseguir desenvolver unha cita práctica e útil.

O programa completo das xornadas pode consultarse máis abaixo nesta mesma nova.

Ligazóns

Compartir: