Inicio Carballo ao día Hemeroteca A XI Semana do Libro e a Lectura pecha despois de...

VENRES 29 DE ABRIL: MAÑÁ E TARDE NO PAZO DA CULTURA

A XI Semana do Libro e a Lectura pecha despois de cinco días de intensa actividade cos contos da narradora Paula Carballeira

Xoves 28 de abril do 2016

Baobab Teatro

Actuación de Baobab Teatro o luns 25 para nenos e nenas de Educación Infantil

A XI Semana do Libro e a Lectura pecha despois dunha semana intensa, na que arredor de 1.500 nenas e nenos terán pasado as súas mañás no Pazo da Cultura, aos que hai que sumar familias enteiras que se teñen achegado para ver os fermosos materiais elaborados polo alumnado dos centros de ensino e para gozar cos contacontos que cada tarde animaron a ler e a gozar da imaxinación. Remata o venres 29 de abril con catro actividades, tres pola mañá para os nenos e nenas de 5º de Primaria dos centros de ensino e cun contacontos pola tarde para o público en xeral. A primeira cita é un obradoiro de Bichos Robóticos, unha actividade cun importante compoñente artístico que combina a ciencia e a tecnoloxía. Consiste na construción do noso propio “bicho robótico” que logo programaremos para facer un percorrido e emitir os sons do animal ao que representa.

O Mago Martín Camiña vai en segundo lugar, mesturando a maxia co tema da Semana, Canta Bichería, e con Manuel María nunha aposta divertida e entretida para achegarnos ao mundo do ilusionismo. Unha clase metida entre libros, cortizas das botellas e a grande dose de imaxinación dos nenos e nenas. Traballarase con habilidades manuais, matemáticas, enxeño, etc., ademais de coas capacidades de comunicación na presentación de efectos máxicos.

A imaxinación e os bichos que foron o tema predominante durante a Semana serán os que poñan o punto e final ás 18.30 horas

A contadora de historias Paula Carballeira ponlle o remate á Semana con Animais coma nós pola mañá; e con Grandes segredos de animais grandes e pequenos pola tarde. No primeiro falará de nós mesmos, de como a miúdo nos sentimos coma bichos: pequenos, fráxiles, e temos medo que alguén nos pise a cabeza ou que nos poña unha trampa, pero hai contos que nos falan de pequenos animais cunha valentía enorme, ou unha intelixencia que os leva a resolver grandes misterios. No segundo, xa a partir das 18.30 horas e para todos os públicos, continúa co tema dos animais. Os máis pequenos poden ter dentes, e iso, ás veces, mete medo. Pero eles, os animais, tan contentos, viven a súa vida. Pouca xente sabe que para amansar crocodilos non hai nada mellor que a poesía, ou que a baba dos caracois e das lesmas garda os segredo da xuventude e da beleza. Non a perdades!

Votacións: até o venres ás 20.00 horas

Respecto das exposicións que están situadas no segundo andar do Pazo da Cultura, realizadas cos materiais elaborados polos nenos e nenas dos centros de ensino do Concello, o público que se achegue poderá escoller e votar o seu traballo favorito até as 20.00 horas do venres 29 de abril, que é cando se clausura oficialmente a semana. A partir desa hora non se admitirán máis votos.

O resultado coñecerase o luns 2 de maio, cando se reunirán os responsables da Semana do Libro, realizarán o reconto e levantarán a acta correspondente co nome do centro e curso que resulte gañador.

Compartir: