Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os rapaces e rapazas do IES Parga Pondal...

O SÁBADO 30 DE ABRIL DURANTE TODO O DÍA

Os rapaces e rapazas do IES Parga Pondal participan en Pontevedra na final do Club de Debate con outros sete equipos

Venres 29 de abril do 2016

Equipo do IES Parga Pondal

Rapaces e rapazas que forman o equipo do IES Parga Pondal

Despois das fases previas que tiveron lugar nos últimos meses por diversas comarcas do país, chega a final galega do Club de Debate, na que participarán os equipos gañadores de cada zona. Son oito os finalistas, dun total de 38 equipos participantes nesta edición: dous da cidade da Coruña e cadanseu de Ames, Carballo, O Carballiño, Ferrol, Negreira e Pontevedra. Será este sábado, 30 de abril, durante todo o día, no Pazo da Cultura de Pontevedra, onde as rapazas e rapaces se verán as caras e exporán os seus argumentos na procura de convencer o público, e tamén o xurado, de que teñen razón. E é que niso consiste o Club de Debate promovido polos servizos de normalización lingüística, entre eles tamén o do Concello de Carballo: en argumentar, convencer, expor, explicar, falar..., e tamén escoitar e rebater.

Ana Abelenda, Samuel Parafita, Yolanda Varela, Natalia Álvarez, Cecilia Remersano, Laura Pereira e Iago Abelenda forman o equipo de Carballo

A esta final galega chegou un equipo de Carballo, en concreto do IES Parga Pondal, despois de clasificarse na fase de zona que tivo lugar en Narón no mes de marzo. Este equipo bergantiñán está formado por Ana Abelenda, Samuel Parafita, Yolanda Varela, Natalia Álvarez, Cecilia Remersaro, Laura Pereira e Iago Abelenda, e coordinado polas profesoras Beatriz Cuesta e Basi Pacoret.

Xurado de lingüistas, docentes, comunicadores e avogados

Nesta final, o xurado, composto por lingüistas, docentes, comunicadores/as e avogados/as, emitirá unha puntuación de cada debate coa que se conforma a clasificación final. O equipo que ao longo da xornada obteña unha maior puntuación levará de premio unha viaxe multiaventura dunha fin de semana na que terán ocasión, entre outras cousas, de achegarse ao patrimonio lingüístico a través de actividades lúdicas nas que o idioma terá un papel fundamental, en coherencia co obxectivo principal do proxecto, que é promover o uso da lingua oral nos contextos formais e informais.

A entrega de premios da final deste sábado está prevista para as 19.30 h.

Moita sorte para os nosos!



Galería

Compartir: