Inicio Carballo ao día Hemeroteca Chega a terceira edición do Festival de...

CITAS NO FÓRUM E NO PAZO DA CULTURA DO 5 AO 7 DE MAIO

Chega a terceira edición do Festival de contidos dixitais Carballo Interplay: webseries e moito máis durante tres días

Luns 2 de maio do 2016

 Carballo Interplay

De esquerda a dereita: Xosé Regueira, Sonia Méndez, María Yáñez e Evencio Ferrero

O xoves 5 de maio comeza o Festival de contidos dixitais Carballo Interplay, o único festival de webseries de Galicia e o primeiro que se celebrou en toda España e que volve por terceiro ano consecutivo ao Fórum e ao Pazo da Cultura para transmitir moi bo rollo e sobre todo para falar sobre todas as posibilidades que ofrece Internet para xerar produtos audiovisuais, de ficción, de animación, documentais e calquera novo formato que exista que encontre na rede o seu medio de difusión. "Síntome moi orgulloso e quero reiterar os meus parabéns á organización porque se repita algo que xurdiu no seu día como unha proba", pero que na actualidade xa é unha cita con vida propia. Así explicaba a evolución do Interplay Xosé Regueira, Concelleiro de Promoción Económica do Concello e principal impulsor do festival, avanzando tamén que a administración local colaborará coa cita en 2017.

O Alcalde animou á xente a achegarse ao CIP: Eu acredito que no festival se pasa moi ben

O Alcalde, Evencio Ferrero, sinalou tamén na presentación do festival, que a cita resulta moi atractiva, tamén para quen, coma el "eramos de lápiz, goma e pizarrillas" e, sobre todo, subliñou que "nos sentimos afortunados por que as circunstancias permitisen que Carballo fose a sede deste festival". Lembrou as orixes, nas que "xente con capacidade de creación e ideas interesantes nos presentou esta iniciativa" e "todo veu rodado a partir de aí". Quixo agradecer todo o labor organizativo do equipo do InterPlay e por último animou á xente a vir: "Eu acredito que no festival se pasa moi ben", rematou.

Un programa interesante e divertido

Carballo Interplay

Aínda que o programa está dispoñible ao completo no web do festival, a directora do InterPlay, Sonia Méndez, e a responsable de contidos, María Yáñez, debullaron algunhas das actividades e das citas máis esperadas. En primeiro lugar a sección oficial, con 36 propostas seleccionadas de entre 122 webseries de todo o mundo, e este ano coa estrea dun novo premio para a dirección patrocinado pola Asociación de Directores e Realizadores de Galicia. E ademais o premio de 1.500 euros para o mellor proxecto de webserie en galego, que contou con 13 participantes dos que catro pasaron á final. Os creadores das catro webseries defenderán en directo durante o festival e diante do público a súa proposta, tal e como se lla estivesen vendendo a unha produtora. Sorte ás catro!

Por terceiro ano consecutivo os padriños do festival, os creadores das webseries Malviviendo e Entertainment, David Sáinz e Teresa Segura, participan no InterPlay, e o fan con dúas estreas. Por unha parte, avalan unha webserie que construíron de pes a cabeza durante un dos talleres do FormaCIP, o programa formativo do festival. Titúlase Muerte al Youtuber, xa ten presenza en redes sociais e o piloto estrearase en exclusiva o xoves para abrir o programa. Risas aseguradas!

Todas as citas incluídas no programa son de acceso libre e gratuíto ata completar o aforo

E por outra coa estrea en primicia da segunda tempada de Entertainment, unha webserie en falso documental sobre a vida dos integrantes da produtora Diffferent Entertainment despois do éxito de Malviviendo. Estreada en 2015, Entertainment conta coa colaboración de algúns creadores galegos como Enrique Lojo, Fran Carballal ou Sonia Méndez, o que demostra que un festival de webseries non só pode servir para pasalo ben e ver cousas novas senón para provocar alianzas creativas entre o norte e o sur da Península.

Estrea da película Estirpe

Dentro das estreas, non hai que esquecer a preestrea especial de Estirpe, que acaba de estar no Festival de Málaga e que poderá verse en Carballo practicamente en primicia. Será o xoves 5 ás 22. 30 horas no Pazo da Cultura e con entrada libre. A longametraxe, dirixida polo coruñés afincado en Madrid Adrián López, preséntase por primeira vez en Galicia.

Financiada mediante crowdfunding, Estirpe pretende contar a historia dun cómic de culto que xamais existiu. Superheroes, nazis e militares da España franquista mestúranse na trama. Entre os intérpretes: Sergio Peris-Mencheta, Silvia Alonso, Rubén Sanz, Nacho Aldeguer, Rocío León, Javier Botet, Ignatius Farray, Ángela Durán, Fabio León. A banda sonora é de Xoel López, irmán do director. Para non perder!

A gala final: o sábado 7 de maio

Por se fose pouco, e ademais de todas as proxeccións e espectáculos do Pazo da Cultura, con citas como o último espectáculo de Venga Monjas, o Fórum acolle un feixe de actividades paralelas como O código fonte audiovisual, os últimos obradoiros para nenos e nenas do FormaCIP, masterclass, mesas redondas. A gala final con moitas, moitas sorpresas dirixida por Sandra Lesta e presentada por Iolanda Muíños, será o sábado 7 de maio no Pazo a partir das 20.00 horas. E a fin de festa na Sala Dublín cun concerto de Malandrómena.

Podedes consultar todos os detalles das citas e os horarios no web do festival.

Carballo é contidos dixitais. Carballo é webseries. Carballo é Interplay. Non faltedes!

Ligazóns

Compartir: