Inicio Carballo ao día Hemeroteca Dous acivros transplantados do Paseo do...

AS ÁRBORES TEÑEN APROXIMADAMENTE 10 ANOS

Dous acivros transplantados do Paseo do Anllóns ocupan o lugar do ciprés que foi retirado do Xardín a finais de abril

Martes 3 de maio do 2016

acivros

Nestes momentos a área aínda esta valada por seguridade

Dous acivros ocupan dende hai algúns días o lugar do desaparecido ciprés que foi retirado a finais do mes de abril do Xardín Municipal por supoñer un risco para os veciños e veciñas. Estas dúas árbores foran plantadas polo Concello de Carballo na beira do paseo do río, na zona do Muíño do Quinto nunha campaña de repoboación e recuperación das beiras da canle. No caso dun dos acivros, o Concello xa estaba a piques de transplantalo ao estar inclinado sobre o río e a piques de caer. Decidiuse movelo cun compañeiro ao Xardín Municipal para ocupar mellor entre os dous o espazo do parterre.

Os novos exemplares estaban situados na beira do río á altura do Muíño do Quinto

Teñen aproximadamente dez anos de idade, o tempo que transcorreu dende que se plantaron a carón do río. Agora só hai que realizar os traballos de rega e mantemento e esperar a que prendan na súa nova ubicación. Para non deixar un baleiro no Muíño do Quinto, o Concello plantou, así mesmo, outras tres árbores para substituír as transplantadas.

Hai que lembrar que o ciprés do Xardín Municipal fora retirado despois de ser avaliado por un experto a petición da administración local. O técnico reflectiu que a árbore estaba morta e que podía supoñer un risco para os veciños e veciñas polo perigo que había de que caera ou fose derrubado polo vento, tal e como sucedera con outro ciprés centenario do Xardín o pasado inverno.

Compartir: