Inicio Carballo ao día Hemeroteca O programa do Día das Letras pon en marcha...

CITAS DO 5 AO 28 DE MAIO

O programa do Día das Letras pon en marcha a campaña G en ti para sacar o galego á rúa no día a día

Xoves 5 de maio do 2016

G en ti

O Alcalde, a Concelleira de Normalización e o Concelleiro de Cultura presentando a campaña

Galiza somos nós: a xente e mais a fala. Se buscas a Galiza en ti tes que atopala! Destes versos de “Galiza”, de Os soños na gaiola, de Manuel María, nace o lema G en ti. Un lema para unha campaña con motivo do 17 de maio, Día das Letras Galegas, que durante todo o mes, pero tamén coa vontade de que este espírito permaneza, pretende “sacar o G á rúa e levalo a todos os sitios de Carballo”. Así o explicou Inés Rodríguez, Concelleira de Normalización Lingüística, durante a presentación do programa de actividades que están organizadas polo Concello pero tamén coa colaboración do tecido asociativo do municipio.

Exposicións, música, teatro, citas para bebés e para maiores, faladoiros: todo tipo de citas teñen cabida no programa

Nunha rolda de prensa celebrada no Xardín Municipal “moi cerquiña do fito do bardo Pondal”, segundo sinalaba o Alcalde, Evencio Ferrero, debullouse polo miúdo unha campaña das letras que ten dende mesas redondas para reflexionar sobre a presenza do galego nos contidos dixitais no Carballo Interplay, ata representacións teatrais, pasando pola presentación de libros, faladoiros, espectáculos para bebés e para nenos e nenas ou citas musicais.

Sesión vermú cos sons de Carballo o 17 de maio

O Concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, tamén relatou as novidades para o Día das Letras, que mantén o maratón As Letras en voces, pero que engade un concerto cos grupos do disco Son Carballo, que ofrecerán unha sesión vermú no Xardín: Sonseis+, Lowcos, Porta con Porta, Versión Imposible, Surf&Sun, Killer Cats, The Cerne, Dude, Crú e Nanny Mouro. E subliñou a celebración dunha exposición e unha xornada dedicadas ao Traxe Tradicional a iniciativa da AC Argazo de Berdillo.

A campaña ten un oco especial para Manuel María, un autor vinculado a Carballo, tamén a través da súa familia

Todo co obxectivo de resaltar que “as letras galegas son todo o ano” pero cunha programación no mes de maio “que complementa e reforza as citas que se celebran o resto dos meses”, en verbas do Alcalde. Con mención especial para Manuel María, un autor especialmente vinculado a Carballo e con quen houbo e hai un lazo afectivo a través da súa familia; pero tamén “reforzando a identidade presente e futura do idioma, sen centrarnos unicamente na figura do homenaxeado” para que “cada un sexa capaz de atoparse e de atopar o galego”.

Descargas

Compartir: