Inicio Carballo ao día Hemeroteca O xoves 5 de maio comeza o Festival Carballo...

OS PRIMEIROS ENCONTROS: PARA WEBSERIES E CONTIDOS EN GALEGO

O xoves 5 de maio comeza o Festival Carballo InterPlay coa estrea da webserie Muerte al Youtuber, gravada estes días na vila

Mércores 4 de maio do 2016

Muerte al Youtuber

Muerte al Youtuber

O xoves 5 de maio comeza no Fórum Carballo a III edición do Festival de contidos dixitais Carballo Interplay cun variado menú con dous pratos fortes: a pre-estrea da longametraxe Estirpe, que aínda non chegou ás salas comerciais; e a estrea da webserie Muerte al youtuber, que se gravou no marco do ciclo formativo FormaCIP en Carballo. A primeira tarde do Festival estará dedicada ás webseries e aos contidos dixitais en galego. Carballo convértese ata o sábado na capital estatal das webseries e das novas narrativas audiovisuais para a rede, con 25 proxeccións, conferencias, conversas e concertos de acceso libre e gratuíto ata completar aforo.

Muerte al Youtuber naceu grazas á colaboración dos padriños do festival: David Sáinz e Teresa Segura

Ás 11.30 horas terá lugar no Forum a apertura oficial do III Carballo Interplay, coa presenza do xurado encargado de elixir o palmarés de webseries gañadoras desta edición: Noel Ceballos (de Hermanos Podcast), Niko Gómez (creador de Cálico Electrónico), Miriam Hernánz (directora de LabTVE), Carlota Núñez (coñecida vine galega), Araceli Gonda (da Asociación Galega de Guionistas) e Jorge Coira (da Asociación de Directores e Realizadores de Galicia).

Arrinca a proxección das webseries a concurso

Dalle Jas conta coa presenza da carballesa Alba Bermúdez

Dalle Jas conta coa presenza da carballesa Alba Bermúdez

Xusto despois, ás 12.30 horas, proxectarase Muerte al youtuber, a webserie resultante do obradoiro realizado a pasada semana dentro do ciclo formativo audiovisual FormaCIP con David Saínz e Teresa Segura, padriños do CIP e creadores de Malviviendo, unha das pioneiras e máis populares webseries españolas.

Pola tarde comezarán as proxeccións das 36 pezas finalistas que optan ao premio da competición de webseries do Interplay. Ás 16.00 horas poderán verse no Auditorio do Pazo da Cultura as primeiras cinco finalistas españolas: o documental Waytrippers, a serie de animación Crisis Cartoons, a comedia Sci-Fi La Supercafetera e as comedias Dos más cinco e Beto. E as 17h30 chegará a quenda das propostas galegas, coas proxeccións das comedias Veciños, Chola&Lola, Gafas e Pallaso, PIB, Poetarras, Dalle Jas e máis da webserie documental Teño unha horta en San Sadurniño.

Hai lingua para o tubo?

Poetarras, Páramo Pictures e as creadoras de Fame, webserie en galego gañadora no II Carballo Interplay falarán sobre creación audiovisual

Esta será a pregunta que intentarán responder na primeira mesa redonda desta edición do Carballo Interplay, ás 19.00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura, o colectivo “arteterrorístico” Poetarras, coñecidos polas súas cancións e videoclips con hits como “Lambeconas”, a versión de “Roar” de Kate Perry dedicada a Feijoo; os Páramo Pictures, a produtora lucense que triunfa en internet coas súas parodias de éxitos musicais adaptados ao mundo rural; e as creadoras de Fame, gañadora do premio á mellor webserie en galego do II Carballo Interplay, en 2015, falarán sobre a creación audiovisual para internet en galego e intentarán das resposta a cuestións como que tipo de contidos audiovisuais en galego se fan para internet, por que a súa presenza é tan baixa, se existe unha temática ou algunhas claves en común e cal é o público. 

Na organización da mesa colabora a coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, que cumpre 20 anos traballando a prol da lingua galega en todos os ámbitos, con especial énfase na dinamización entre a mocidade.

Pitching de futuras webseries

Ás 20.00 horas, Victor Grande, por Dowson e Pillei; Alejandra Piot, Paula Andrade e Iria Rodríguez, por A Espiral de Fibonacci; Oscar Pardo, por Lucas; e os Porco Bravú, por Peter Brandon defenderán os seus proxectos diante dun xurado composto por Xosé Regueira (Concello de Carballo), Nel Vidal (CTNL), Sonia Mendez (Directora do CIP) e Teresa Segura (produtora de webseries) co obxectivo de converterse nos gañadores do Premio ao mellor proxecto de webserie en galego, que se convocou por primeira vez este ano e que ten unha dotación de 1.500 euros para a produción de tres capítulos da webserie premiada.

Pre-estrea de Estirpe

Estirpe

Estirpe

E, para cerrar o programa do primeiro día, un broche de ouro: a pre-estrea da longametraxe Estirpe, ópera prima do coruñés afincado en Madrid Adrián Lopez que pretende contar a historia dun cómic de culto que nunca existiu e financiou boa parte da súa produción cunha campaña de crowfunding. Será as 22.30 horas no Auditorio do Pazo da Cultura e contará coa presencia do seu creador e de parte do equipo. Interpretada, entre outros, por Sergio Peris-Mencheta, Silvia Alonso, Rubén Sanz, Javier Botet ou Rocío León, e con BSO de Xoel López, Estirpe é unha curiosa historia de superheroes, nazis e militares da España franquista que ten tres niveis de narración entrecruzados: flashbacks, documental e metacinema. Preestréase no Carballo Interplay antes de chegar á salas comerciais e poucos días despois de pasar polo Festival de Málaga.

Con esta proxección exclusiva para o público do Interplay pechará a xornada do xoves 5, pero aínda quedan por diante dous días máis de Festival, cargados de pratos fortes para os seguidores e seguidoras dos contidos audiovisuais en internet. Haberá actuacións ao vivo de recoñecidos creadores de contidos específicos para a rede, mesas redondas, masterclass, presentación, performace e moitas cousas máis. Todas elas, gratuítas.

Ligazóns

Compartir: