Inicio Carballo ao día Hemeroteca O goberno municipal impulsa a...

XUNTANZA NO FÓRUM ÁS 20.30 HORAS

O goberno municipal impulsa a participación veciñal coa posta en marcha do proceso de creación dos consellos parroquiais

Xoves 5 de maio do 2016

Fórum Carballo

Fórum Carballo

O goberno municipal de Carballo non só está a priorizar neste mandato os investimentos na zona rural, senón que tamén quere impulsar a participación veciñal mediante a posta en marcha dos consellos parroquiais. O proceso arrancará hoxe xoves 5 de maio cunha xuntanza á que están convidadas todas as entidades e colectivos do concello, así como toda a veciñanza interesada.

O encontro, aberto por tanto a toda a cidadanía, celebrarase no Fórum a partir das 20.30 horas. Na presentación, o alcalde, Evencio Ferrero, acompañado polo equipo técnico que se encargará do desenvolvemento do proceso, explicará en detalle os obxectivos e as diferentes fases da posta en marcha dos consellos parroquiais, unha das ferramentas de participación recollidas no actual Regulamento de Participación Cidadá.

Un papel máis activo da cidadanía

A xuntanza supón o inicio dun proxecto dirixido a todas e cada unha das parroquias, e que ten como principal obxectivo a posta en marcha dos consellos parroquiais. Esta ferramenta de participación funcionará como unha canle de comunicación formal entre a veciñanza e o Concello, incrementando o nivel de transparencia e de eficacia da xestión municipal. Así mesmo, a posta en marcha deste tipo de mecanismos de participación facilitará que os veciños e veciñas adquiran progresivamente un papel máis activo na toma de decisións que lles afectan.

Compartir: