Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Carballo Interplay arrinca cunha webserie chea...

O VENRES: ESTREAS EXCLUSIVAS, MASTERCLASS E YOUTUBERS

O Carballo Interplay arrinca cunha webserie chea de risas para invadir Carballo con contidos dixitais durante tres días

Xoves 5 de maio do 2016

Carballo Interplay

Acto de apertura, coa organización, o xurado e autoridades

O Carballo InterPlay xa está en marcha para invadir con contidos dixitais todos os recunchos de Carballo. Arrincou nun acto sinxelo e protagonizado pola organización, coa directora do festival, Sonia Méndez, á cabeza; polo xurado con Noel Ceballos (de Hermanos Podcast), Niko Gómez (creador de Cálico Electrónico), Miriam Hernánz (directora de LabTVE), Carlota Núñez (coñecida vine galega), Araceli Gonda (da Asociación Galega de Guionistas) e Jorge Coira (da Asociación de Directores e Realizadores de Galicia); e o Concello de Carballo, coa intervención de Xosé Regueira, Concelleiro de Promoción Económica e a presenza do Alcalde, Evencio Ferrero e doutros membros da corporación. Agradecementos, o humor e as risas, miras na organización dunha cuarta edición do festival -xa confirmada- e moi boas expectativas para as citas dos próximos días acapararon as intervencións.

Muerte al Youtuber está protagonizada por un anti-héroe ao que lle ocorren toda una serie de calamidades

E xusto a continuación foi a proxección de Muerte al Youtuber que se estreou no marco do festival. Esta webserie creada durante o ciclo formativo do InterPlay, o FormaCIP, espertou expectación e moitas gargalladas no Fórum, especialmente por parte do anti-héroe, un protagonista moi especial ao que lle ocorren toda sorte de desgrazas. A webserie xa ten gravados tres capítulos que deixan moitas posibilidades abertas.

Programación para o venres 6

Cálico Electrónico

Cálico Electrónico

Despois deste exitoso arranque, a segunda xornada do Carballo Interplay chega forte coa masterclass de animación de Niko de Nikotxán, creador de Cálico Electrónico, a serie de animación online de fala hispana máis relevante de Internet, con máis de 100 capítulos e cun acumulado de máis de 30 millóns de visitas. A cita é ás 17h30 no Pazo da Cultura de Carballo e, como todas as actividades do Festival, a entrada é libre e gratuíta ata completar aforo.

Logo, no mesmo Pazo, chegará o momento dunha das estreas máis esperadas no mundo da webserie. Os integrantes da produtora sevillana Diffferent Entertainment adiantarán en exclusiva para o público do Interplay a segunda tempada da súa  webserie en formato de falso documental Entertainment. Os seus creadores, David Sainz e Teresa Segura, presentarán a proxección dos novos capítulos desta webserie que conta a vida dos integrantes da súa produtora despois da webserie de éxito Malviviendo.

E, para rematar o día, o humor dos Venga Monjas con DaSuisa, a versión ao vivo (e algo defectuosa) dos Simpson que poderá ver en exclusiva o público do Carballo Interplay. Despois de actuar en incontables cidades, o dúo formado por Xavi Daura e Esteban Navarro -que repiten no festival- chegan a Carballo cun show cheo de suor e de proxeccións salvaxes de parodias dos capítulos dos Simpson feitas de memoria.

Webseries de todos os xéneros e procedencias

Ademais, ao longo do día, seguirán as proxeccións das pezas audiovisuais finalistas do concurso de webseries. Ás 16h, no Auditorio do Pazo da Cultura, terá lugar a segunda proxección de webseries españolas:  a comedia Pedro Reyes for President,  o thriller Black Stuff, a serie de animación Niño Ratón e as comedia El Método Sueco, Rubia en Apuros e Les Coses Grans. E ás 19 horas, as webseries internacionais:  as comedias Instrucciones para humanos e Arthur, os dramas Status, El Caso Q e Nigt School Webseries e a peza de animación Zozo “The Fugitive of the space”. Un completo menú para todos os gustos.

Falaremos coa xente máis nova

A mañá comezará cunha divertida mesa redonda que tratará de dilucidar quen é cada quen no mundo dos creadores de vídeo para Internet: Youtuber, Videoblogger, Viner, Prankster… e ti que vés sendo? A partir das 10h30, no Forum Carballo, Carlota Núñez, a youtuber galega máis coñecida, con máis de 68.000 subscritores ao seu canal Duulcedeleche e 42.000 followers en Instagram; Diego Novelle, o prankster coruñés coñecido como Tworumbel, con máis de 12.000 subscritores; e Rubén Lino, membro do grupo Poetarras e especialista en facer humor en Vine, compartirán as súas experiencias.

E con expertos cunha certa traxectoria

Miriam Heranz

Miriam Heranz

Despois desta mesa redonda, poderanse coñecer as últimas tendencias no mundo das novas narrativas da man de Andreu Meixide, un dos principais expertos españois en non ficción web, e de Miriam Heranz, responsable do Laboratorio de innovación audiovisual de RTVE.es, o departamento da compañía de radio televisión pública adicado a experimentar coas ferramentas e linguaxes audiovisuais máis avanzadas, como o webdoc, o vídeo interactivo ou a visualización de datos.  

Andreu Meixide, un coñecido director e realizador de documentais (Soy Rambla2), webdocumentais (Parkcelona) e webseries (Bloc dels Pescadors), así como responsable do BccN Barcelona Creative Commons Film, ofrecerá ás 12h00, tamén no Forum, a masterclass Disección do corpo dixital, no que tratará de debullar algunhas das lóxicas que marcan como vivimos, como nos relacionamos e como nos narramos.

Ás 13h00, Miriam Hernánz, xornalista que formou parte do equipo fundacional da RTVE.es e que ahora dirixe o Lab de RTVE.es, falará deste departamento da cadea pública que leva varios anos apostando polas narrativas audiovisuais máis vangardistas. Hernánz especializouse na creación de webdocs e reportaxes interactivas, como JFK Sombras de un magnicidio ou Fracking, fiebre del gas, e baixo a súa dirección realizáronse os primeiros proxectos de VR de RTVE.es ou a primeira curta de ficción interactiva.

Ligazóns

Compartir: