Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo entra por primeira vez na Rede de...

A SENDA DO MAR RAZO-BALDAIO PERCORRE O LITORAL DO CONCELLO

Carballo entra por primeira vez na Rede de Sendeiros Azuis e mantén as Bandeiras nas praias das Saíñas e Pedra do Sal

Venres 6 de maio do 2016

Parapentelandia

Vista aérea do litoral carballés (foto ©Parapentelandia)

Carballo entra por primeira vez na rede de Sendeiros Azuis da ONG Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) coa Senda do Mar: Razo-Baldaio. A organización vén de facer públicos os resultados da campaña para o ano 2016, na que o Concello mantén tamén os distintivos das Bandeiras Azuis para as praias de Pedra do Sal e As Saíñas, recoñecéndose así a calidade dos areais carballeses, así como das súas augas, ademais dos servizos que ten dispoñibles, como o de duchas, áreas de estacionamento, limpeza ou socorrismo.

O Concello de Carballo optou ao recoñecemento da Senda do Mar: Razo-Baldaio co obxectivo de dar a coñecer o litoral carballés, que non só conta con praias moi fermosas e o espazo natural da marisma de Baldaio, senón tamén cuns espectaculares cantís que forman parte deste percorrido. Así, esta senda do mar transcorre durante doce quilómetros, de este a oeste, dende o monte da Vixoteira no límite con Caión, ata Santa Mariña, no límite co Concello de Malpica. Trátase dunha senda natural protexida, xa que transcorre en parte pola Rede Natura e por espazos de especial valor natural e paisaxístico, con flora e fauna protexidas.

Desenvolvemento sostible

Segundo explica a ADEAC, os sendeiros azuis son itinerarios e elementos paisaxísticos que contribúen, positivamente, ao uso sustentable do litoral. "Para os municipios galardoados é un recoñecemento ao seu traballo na mellora e restauración do seu patrimonio natural e litoral" explica a ONG. Ademais, engaden, os Sendeiros Azuis desempeñan unha función social importante, ao constituír excelentes lugares para o goce da natureza e, tamén, como elementos vertebradores para o desenvolvemento, saúde e benestar do conxunto da sociedade.

Os areais de Razo, Baldaio-Saíñas e Pedra do Sal contan dende 2014 con dúas importantes certificacións medioambientais: ISO:14001 e EMAS

A campaña da Bandeira Azul e dos Sendeiros Azuis da Adeac desenvólvese anualmente en máis de 40 estados de cinco continentes, incluíndo a práctica totalidade dos estados da Unión Europea. Así mesmo, hai que lembrar que os areais de Razo, Baldaio-Saíñas e Pedra do Sal contan dende novembro de 2014 con dúas certificacións internacionais que avalan a súa calidade medioambiental e de xestión de servizos. Trátase do ISO 14.001:2004 e do Esquema Europeo de Ecoxestión e Ecoauditoría (EMAS), este último o máis esixente dos que están implantados en Europa. O obxectivo destas certificacións é o de promover a mellora constante do medio, o que avala a calidade das praias do municipio.

Compartir: