Inicio Carballo ao día Hemeroteca Oito canchas de minibasket, máis de cen...

FERNANDO ROMAY CONFIRMOU UN ANO MÁIS A SÚA PRESENZA

Oito canchas de minibasket, máis de cen partidos, inchables, xogos e moito máis: o 17 de maio no IV Día do Pequebasket

Venres 6 de maio do 2016

IV Día do Pequebasket

A presentación tivo lugar no Casino de Carballo e contou coa actuación do Mago Álex

Máis de 700 nenos e nenas de entre 5 e 8 anos participarán o martes 17 de maio no IV Día do Pequebasket, unha cita que invadirá Carballo con 60 equipos das categorías de base e que bate, segundo explicou na presentación o Presidente da Escola Basket Xiria Diego Vázquez, "todos os récords", sendo un evento "de referencia autonómica e, en pouco tempo, esperemos que tamén de referencia nacional". Ademais, confírmase a presenza un ano máis de Fernando Romay, que coma en edicións anteriores non quere perder esta nova cita en Carballo, donde está a crear un gran vínculo deportivo coma padriño do Día do Pequebasket.

Os asistentes transmitiron os seus parabéns aos cadetes do Basket Xiria, campións galegos esta tempada

Oito canchas de minibasket, un total de 110 partidos en formato 4x4, inchables e moitos xogos son só algunhas das actividades que terán lugar nesta cita que ten como principal obxectivo que os nenos e nenas o pasen ben. Así o explicou Francisco Martín Mico, Presidente da Federación Galega de Baloncesto, que expresou a súa "maior alegría porque se forme aos nenos e nenas nos valores do deporte". Aproveitou para transmitirlle os seus parabéns aos campións galegos, os cadetes do Basket Xiria, "competindo con equipos de Coruña, Santiago ou Vigo".

Orgullo do deporte carballés

O Deputado de Deportes da Diputación da Coruña, Xosé García Liñares, tamén resaltou que "sen tesón e sen esforzo non hai nada". Pechou a quenda de intervencións o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que estivo presente na cita xunto co Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, e o de Promoción Económica e Turismo Xosé Regueira. Ferrero aproveitou para reiterar os seus parabéns para os cadetes de Carballo. "A estas alturas da evolución dunha entidade como Basket Xiria temos que dicir que Carballo é deporte". Por iso, Ferrero quixo agradecer "o traballo de todos e todas, a ilusión e o empuxe, porque todos nos sentimos orgullosos de ser carballeses ao ver que os nosos equipos triunfan". Rematou desexándolle moito éxito ao IV Día do Pequebasket.

Vídeo resumo do Pequebasket 2015

Para rematar a presentación, proxectouse un vídeo resumo do III Día do Pequebasket celebrado en 2015 que podedes ver aquí. Vémonos o día 17 con moito baloncesto!

Ligazóns

Descargas

Compartir: