Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Carballo Interplay pecha a súa terceira...

GALA DE CLAUSURA: SÁBADO 7 NO PAZO DA CULTURA ÁS 20.00 H.

O Carballo Interplay pecha a súa terceira edición cun día grande de audiovisual, Internet e música

Venres 6 de maio do 2016

Carballo Interplay

O público vota durante as proxeccións das webseries a concurso: non as perdades!

Algúns dos profesionais máis coñecidos do audiovisual, as redes e a música galega estarán en Carballo para pechar o festival que por uns días colocou a Galicia como referente de contidos dixitais e webseries, O III Carballo Interplay. As twitstars Hematocrítico e Noel Ceballos ofrecerán un podcast ao vivo e os  tres guionistas máis coñecidos da TVG, os Zopilote, desvelarán os nomes das películas, series e artefactos audiovisuais que “plaxiaron” nos seus guións. O concurso de webseries rematará coa proxección de comedias, dramas, animación e webseries documentais de Nova Zelanda, Inglaterra, Canadá, Alemania, Arxentina e España e coa gala de entrega de premios conducida pola coñecida actriz Iolanda Muíños. Pecharán o día e o Festival os Malandrómeda, cun concerto a ritmo de hip hop. Todas as actividades son de acceso libre e gratuíto ata completar aforo.

Podcast en directo con El Hematocrítico

Un dos platos fortes da xornada será o podcast en directo das twitstars Noel Ceballos e El Hematocrítico, que ás 13h ofrecerán no Fórum Carballo un episodio especial, en vivo e en directo, dos Hermanos Podcast, o seu popular programa de radio por internet aperiódico baseado na conversa libre e caótica dos dous autores. Mañá explicaránlle ao público do CIP, cunha vídeo charla, as rupturas que tiveron lugar na linguaxe audiovisual hai vinte anos, concretamente no terreo do videoclip postidade de ouro da MTV. Despois, haberá unha sesión vermú.

O Código Fonte Audiovisual terá como progagonistas aos tres guionistas máis populares da ficción galega: os Zopilote

E un chisco antes, ás doce, chegará un momento xa tradicional no CIP, o Código Fonte Audiovisual, un formato híbrido entre conferencia e proxección, no que se convida a un curator  a que seleccione e comente fragmentos de obras audiovisuais embebibles que marcaran a súa cultura e a súa forma de entender o mundo. Este ano os invitados serán os Zopilote -Xosé Castro, Andrés Mahía e Carlos Ares- os tres guionistas máis populares da ficción galega, responsables de máis de trescentos guións, así como do deseño de máis dunha ducia de programas e series de televisión, entre as que destacan Mareas Vivas, Terra de Miranda, Pepe o Inglés, Air Galicia, O Nordés e Era Visto. Os Zopilote toman o relevo de Xosé Antonio Touriñán (CIP 2014) e Belén Regueira (CIP2015) e afrontan o reto de expoñer publicamente as referencias das que “plaxiaron” algúns dos momentos máis míticos da historia da TVG.

A xornada comezará un chisco antes, ás 10h30, no Fórum de Carballo coa última mesa redonda do festival: A cultura popular dixital... a onde nos leva? Noel Ceballos, el Hematocrítico, Miriam Hernánz (directora do Lab de RTVE) e  o director e realizador Andreu Meixide (que esta mañá conquistou a preto dun cento de mozos coa súa “disección” da cultura dixital, moderados pola xornalista María Yáñez, debatirán sobre o presente e o futuro da cultura popular dixital.

Últimas proxeccións e entrega de premios

Bridget Jon de Triana

Bridget Jon de Triana

Xa pola tarde, o Auditorio do Pazo da Cultura acollerá as últimas proxeccións das obras finalistas da Competición de webseries. Ás 16h proxectaranse as últimas seis series internacionais seleccionadas: os dramas K Rd Stories (de Nova Zelanda) e Emmas Welt (de Alemania), as comedias Whatever, Linda (de Canadá) e Mundillo (de Artxenina) e a peza de animación arxentina Aventuras de Corazón Roto. Despois, proxectaranse as comedias Bridget Jon de Triana, Breaking Bed, El Partido e El Colega Canario; o documental ViveyLate e a serie de animación Orfanato Atroz. Todas elas, españolas.

Ás 20 horas, tamén no Pazo da Cultura, chegará o momento de coñecer as webseries gañadoras. Será nunha divertida gala conducida pola actriz galega Iolanda Muíños, gañadora do premio a mellor actriz secundaria dos Premios María Casares 2016 e coñecida polos seus traballos en cine (Crebinski ou Mar adentro) e tevisión (Pratos combinados ou Pazo de Familia).

Haberá premio para a Mellor webserie de imaxe real, a Mellor webserie de animación, a Mellor webserie internacional e a Mellor webserie en VO galego, o Premio do Público, o Premio CREA á mellor dirección, o Premio AGAG ao mellor guión e os Premios á mellor actriz e ao mellor actor. Desvelarase, tamén, o nome da proposta gañadora do Premio ao mellor proxecto de webserie en galego, dotado con 1.500 euros para a producción de polo menos tres capítulos da webserie premiada.

Concerto de clausura con Malandrómeda

Malandrómeda

Malandrómeda

E o broche final da III edición do Carballo Interplay será o concerto do dúo de hip hop galego Malandrómeda, que despois de cinco anos de silencio discográfico, acaban de volver con dous LP ́s simultáneos: Cada can que lamba o seu carallo e Os corenta oito nomes do inimigo. Na Sala Dublín de Carballo, a partir das 23 horas, Hevi e O Master do Son, o dous rapeiros composteláns, demostrarán que os seus novos traballos teñen a mesma calidade de sempre. Unha variedade de hip hop, fusionando rap old school con outros ritmos máis vangardistas e empregando o galego como sinal de identidade para unhas letras cargadas de poesía e humor.

Xunto a eles, no escenario da Sala Dublín, o estilo ecléctico e variado de DJ Teresa da Praia, que pretende poñer todo o público a bailar. Esta Dj comezou a súa andadura en Río de Janeiro e voltou logo a Coruña, a súa cidade natal, onde desenvolve unha intensa actividade musical e é asidua clubs, bares e festivais, como o de Sereas e piratas da Praia de Razo. 

Compartir: