Inicio Carballo ao día Hemeroteca O 7 de maio decídese cal é o artigo...

XUNTANZA ÁS 11.00 HORAS NA CASA DO CONCELLO

O 7 de maio decídese cal é o artigo gañador do XII Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2016

Venres 6 de maio do 2016

Premio a artigos xornalísticos normalizadores

O xurado do XII Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo reunirase mañá, sábado 7 de maio, para decidir o artigo gañador do certame. A xuntanza terá lugar a partir das 11.00 h na Casa do Concello. Posteriormente anunciarase o gañador ou gañadora mediante unha nota de prensa que se lles enviará aos medios arredor das 13.00 h, aproximadamente. O Concello de Carballo recibiu –unha vez finalizado o prazo de presentación o pasado 14 de abril– un total de 37 traballos. Os membros do xurado comezaron hai xa días a analizar e avaliar individualmente os diferentes traballos e, así, nesta xuntanza elixirán o artigo gañador.

O xurado desta edición está composto por:

  • Inés Rodríguez Muíño, concelleira de Normalización Lingüística, como presidenta do
  • xurado.
  • Luz Cures Vázquez, gañadora da edición anterior e profesora de lingua galega no
  • ensino secundario.
  • Olla Rodil Fernández, redactora de Sermos Galiza.
  • David Lombao Rodríguez, director de Praza Pública.
  • Nel Vidal Barral, técnico de normalización lingüística do Concello, como secretario, con voz e sen voto.

O premio ascende a 1.000 euros

Os obxectivos do Premio a artigos xornalísticos normalizadores son promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e fomentar o uso e prestixio do idioma galego e promover o uso do galego na prensa. Outorgarase un premio económico ao artigo gañador, dotado con 1.000 euros, ademais da difusión nos nove medios colaboradores coa iniciativa.

Nas nove edicións anteriores foron premiados/as autores/as como Xurxo F. Carballido, Olga Patiño, Ana R. Barreiro, Ramón Vilar, Miguel Mosquera, Séchu Sende, Kiko Novoa, Xesús Fraga, Pilar García Negro, Marica Campo, Marcos Abalde, Carlos Callón, Mariña Pérez Rei, José Casás ou Luz Cures.

Compartir: