Inicio Carballo ao día Hemeroteca A terceira edición do Carballo Interplay...

EL PARTIDO GAÑOU O PREMIO Á MELLOR WEBSERIE

A terceira edición do Carballo Interplay estrea Premio de Honra e dedícallo ao desaparecido actor e humorista Pedro Reyes

Luns 9 de maio do 2016

Carballo Interplay

Como xa é tradición, a gala rematou cun selfie cos premiados/as e membros da organización

A terceira edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay outorgou o sábado 7 de maio os seus galardóns, cun Premio de Honra ao humorista Pedro Reyes. “Un premio que nunca se dera no Festival”, segundo recordou a súa directora Sonia Méndez, “pero que tanto o xurado como a organización decidiu unanimemente dar nesta ocasión a unha persoa que xa non está con nós pero que admiramos profundamente”. O homenaxeado protagonizaba unha das webseries da sección oficial, Pedro Reyes For President, na que se narra a súa chegada á presidencia do goberno cun programa utópico: “honestidade brutal”.

Poetarras recuncaron o premio á mellor webserie en verión orixinal en galego cos seus sketches arterrorísticos

Os premios desta edición estiveron moi repartidos. As gañadoras foron El Partido, de Álex Rodrigo, que se alzou cos premios de Mellor webserie de imaxe real e de Mellor dirección coa súa historia de corruptelas políticas; Poetarras, que recuncan no premio á Mellor webserie en versión orixinal en galego, categoría na que xa gañaran na primeira edición do CIP, cos seus sketches arterrorísticos; Arthur, Mellor webserie internacional, coa súa historia dun asasino en serie que quere deixalo, categoría na que recibiu unha mención especial Aventuras de Corazón roto; Orfanato Atroz, que acadou o de Mellor webserie de animación, coa súa historia dun universo esmendrellado e aleatorio, categoría na que houbo mención especial para Niño Ratón.

David Sainz gañou o Premio AGAG ao mellor guión, por El Colega Canario, a historia do típico panoco virxe da vila que tamén lle valeu o de mellor actor a Óscar Lara. Mentres que Esperanza Guardado gañou o Premio á mellor actriz, por Briget Jon de Triana. As persoas que asistiron ás proxeccións concederon cos seus votos o Premio do Público a Beto, a historia dun rapaz sen traballo nin parella, cunha vida social limitada. O Premio ao mellor proxecto de webserie en galego foi para Peter Brandon, de Porco Bravú. Un falso documental protagonizado polo humorista Pedro Brandariz.

Palmarés oficial

O xurado composto por Noel Ceballos, xornalista especializado en cultura popular; Miriam Hernanz, directora do Lab de RTVE.es; Niko Gómez, creador de Cálico electrónico; Carlota Núñez, youtuber galega coñecida como Duulcedeleche; Araceli Gonda, en representación da Asociación Galega de Guionistas; e Jorge Coira, en representación da Asociación de Directores e Realizadores de Galicia, decidiu outorgar os seguintes premios:

  • Mellor webserie de imaxe real, dotado con 800 euros e trofeo, para El Partido
  • Mellor webserie de animación, dotado con 800 euros e trofeo, para Orfanato Atroz; mención especial para Niño Ratón
  • Mellor webserie internacional, dotado con 800 euros e trofeo, para Arthur; mención especial para Aventuras de Corazón roto
  • Mellor webserie en versión orixinal en galego, dotado con 800 euros e trofeo, para Poetarras
  • Premio CREA á mellor dirección, dotado con 200 euros e trofeo, para Alex Rodrigo, por El Partido
  • Premio AGAG ao mellor guión, dotado con 200 euros e trofeo, para David Sainz, por El Colega Canario
  • Premio á mellor actriz, dotado cun trofeo, para Esperanza Guardado, por Briget Jon de Triana
  • Premio ao mellor actor, dotado cun trofeo, para Oscar Lara, por El Colega Canario
  • Premio de Honra para Pedro Reyes
  • O público, pola súa banda, concedeu cos seus votos o Premio do Público, dotado con 400 euros e trofeo, a Beto

Reunido en Carballo o xurado composto por Xosé Regueira, en representación do Concello de Carballo; Nel Vidal, en representación da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL); Teresa Segura, directora de produción de Entertainment; e Sonia Mendez, directora do Carballo Interplay, decidiron outorgar o:
  • Premio ao mellor proxecto de webserie en galego, dotado con 1.500 euros e trofeo, a Peter Brandon, de Porco Bravú

Compartir: