Inicio Carballo ao día Hemeroteca O tradutor Borxa González Tenreiro,...

O PREMIO ESTÁ DOTADO CON 1.000 EUROS

O tradutor Borxa González Tenreiro, gañador do XII Premio a Artigos Xornalísticos Normalizadores do Concello de Carballo

Luns 9 de maio do 2016

Borxa González Tenreiro

Borxa González Tenreiro

A duodécima edición do premio a artigos xornalísticos normalizadores que convoca o Concello de Carballo xa ten gañador. Tras analizar os 37 traballos presentados, o xurado acordou conceder o premio a Non por min, por eles, de Borxa González Tenreiro, tradutor nacido en Ferrol e residente en Lisboa. O xurado, integrado pola Concelleira Inés Rodríguez, a profesora Luz Cures (gañadora do ano pasado), os xornalistas Olalla Rodil e David Lombao e o normalizador lingüístico Nel Vidal valorou no texto aspectos como a súa capacidade de argumentación a prol do ben común.

O texto formula unha proposta clara para a defensa da lingua, neste caso a inmersión lingüística

Tamén se tivo en conta o seu pragmatismo na defensa do idioma e a capacidade de transcender a argumentos románticos ou abstratos, cos que se procura desmontar a falsa dicotomía entre plurilingüismo e defensa do galego, e que desde o coñecemento de diversas realidades sociolingüísticas realiza unha proposta clara para a defensa da lingua, neste caso a inmersión lingüística. Destácase a clareza expositiva e que o artigo é un alegato contra un suposto dereito á ignorancia que foi axitado nalgún sectores.

O artigo será publicado en nove medios de comunicación

Os obxectivos do Premio a artigos xornalísticos normalizadores son promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e fomentar o uso e prestixio do idioma galego e promover o uso do galego na prensa. Outorgarase un premio económico ao artigo gañador, dotado con 1.000 euros, ademais da difusión nos nove medios colaboradores coa iniciativa, que son: Diario de Bergantiños, El Correo Gallego, Galicia Confidencial, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Praza Pública, Que pasa na Costa, Sermos Galiza e Tempos Novos.

Nas nove edicións anteriores foron premiados/as autores/as como Xurxo F. Carballido, Olga Patiño, Ana R. Barreiro, Ramón Vilar, Miguel Mosquera, Séchu Sende, Kiko Novoa, Xesús Fraga, Pilar García Negro, Marica Campo, Marcos Abalde, Carlos Callón, Mariña Pérez Rei, José Casás ou Luz Cures, que precisamente formou este ano parte do xurado.

Compartir: