Inicio Carballo ao día Hemeroteca Senda Nova e o Concello poñen en marcha un...

FALADOIROS, TALLERES E RECURSOS NATURAIS: ENTRE MAIO E XUÑO

Senda Nova e o Concello poñen en marcha un ano máis as Semanas da Natureza e a Paisaxe

Luns 9 de maio do 2016

Achegándonos ao Cabalo Galego

Un momento do faladoiro Achegándonos ao Cabalo Galego

Volven un ano máis, e xa é o segundo, as Semanas da Natureza e a Paisaxe que organiza a Asociación Ambiental Senda Nova coa colaboración do Concello de Carballo e outras entidades. Principia un proxecto que acolle actividades moi diferentes e variadas que nacen grazas ás ideas e a colaboración de moitas persoas e entidades. Durante os meses de maio e xuño desenvolveranse faladoiros, obradoiros de cesteiría e de convivencia, prantacións de árbores, e actividades nas que nos achegaremos a outras formas de vida, e ao aprobeitamento sostible e respetuoso dos recursos naturais.

A cita Apadriña un carballo permitirá repoboar unha antiga carballeira situada na parroquia malpicana de Cerqueda

As citas principiaron o sábado 7 de maio, coa primeira das actividades: Achegándonos ao Cabalo Galego, un faladoiro que permitiu coñecer máis de preto as carcaterísticas e particularidades do cabalo galego e o seu papel na conservación da paisaxe e da biodiversidade, da man de Antón Vázquez, da asociación Puraga.

O sábado 21 de maio será a quenda das árbores co acto Apadriña un carballo, unha presentación conxunta para repoboar unha antiga carballeira e que organiza a Asociación de veciños Monte d'Arxa de Cerqueda.

Citas específicas para nenos e nenas en xuño

Xa en xuño, os máis cativos e cativas estarán impacientes por participar nunha pernocta ao aire libre nun obradoiro de observación e convivencia. Xogos na natureza, cea á beira do candil e moito máis para nenos e nenas maiores de 7 anos. Tamén para os máis pequenos está dirixido un obradoiro de cestería que terá lugar en Montemaior, A Laracha.

E por último, do 17 ao 19 de xuño haberá a xornadas Camiño cara a autoxestión, unhas xornadas de convivencia e aprendizaxe en Ernes-Negreira de Muñiz.

Se queredes obter máis info, non tendes máis que poñervos en contacto con Senda Nova con enderezo <sendanova@hotmail.com> ou no teléfono 636 326 083.



Galería

Compartir: