Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os hostaleiros de Carballo por Etapas...

NO FÓRUM CARBALLO DE 16.00 A 19.00 HORAS

Os hostaleiros de Carballo por Etapas participarán os días 10 e 11 nun curso de elaboración de tapas organizado polo Concello

Luns 9 de maio do 2016

Carballo por Etapas

O Concello de Carballo quere contribuír á mellora da calidade gastronómica dos negocios de restauración e a incrementar a súa oferta gastronómica coa cultura do tapeo. Con esa intención, e coincidindo coa celebración de Carballo por Etapas, a Concellería de Promoción Económica pon en marcha, por segundo ano, un curso de elaboración de tapas para profesionais da hostalería.

Asisten os 20 hostaleiros e hostaleiras que participan un ano máis na ruta gastronómica

A esta acción formativa, que se celebrará os días 10 e 11 no Fórum Carballo, asistirán os 20 hostaleiros e hostaleiras que participan en Carballo por Etapas. De feito, con esta iniciativa preténdese promocionar a cultura do tapeo dentro da vila, asesorando aos establecementos participantes nos eventos gastronómicos impulsados polo Concello de Carballo, neste caso en colaboración con Axober. Ao mesmo tempo trátase de impulsar novas ideas á cociña tradicional e de achegar aos profesionais coñecementos sobre aspectos relacionados coa mellora da rendibilidade da oferta de tapas e coa mellora da organización e optimización de tempos.

A Escola de Hostalería do Fórum Carballo acollerá as dúas sesións formativas, que se celebrarán de 16 a 19 horas. A primeira, o día 10, estará centrada na presentación e elaboración de tapas, e a segunda, na preparación de tapas baseadas no atún. Os profesionais interesados en participar poden inscribirse no Fórum ou chamando ao número de teléfono 981 709 011.

Co prestixioso chef Mark Wernink

O monitor do curso será o prestixioso chef Mark Wernink, que despois dunha amplísima experiencia en Paradores e de ter participado en numerosos proxectos internacionais, na actualidade é o chef responsable do Casino da Toxa e colabora constantemente cos mellores cociñeiros de Galicia en accións formativas.

Carballo por etapas será a última fin de semana de maio e a primeira de xuño en numerosos locais hostaleiros do centro

Carballo por Etapas celebrarase os días 27, 28 e 29 de maio, e 3, 4 e 5 de xuño. Os establecementos que decidiron subir este ano ao tren da popular ruta de tapas son A Barra Bar, Cafés A Cafeteira, Cafetería Abastos, Café Bar Embajador, Café Bar Ginebra, Cafetería Habanos 79, Cafetería Xorima, Cervecería Ágora, Cervecería Beos, Cervecería Dublín, Cervecería La Bombonera, Mesón A Cabaña, Mesón As Viandas, Oasis Restaurante-Vinoteca, Restaurante El Hórreo, Restaurante Mesón do Pulpo, Restaurante Vinoteca A de Pako, Tapería Aturuxo, Cervecería-Tortillería O Casino e Trattoria Pizzería Vesuvio. 

Os locais participantes elaborarán tapas específicas para o evento que servirán os venres de 20 a 22 horas e os sábados e domingos en horario de 12 a 14 e de 20 a 22. O prezo da  tapa será de 1,50 €, e con cada unha entregarase un rasca co que poden conseguirse numerosos premios directos.

Compartir: