Inicio Carballo ao día Hemeroteca Adxudicado o contrato administrativo de obras de...

CONVENIO PARA CELEBRAR O TORNEO ALEVÍN DE FÚTBOL-7

Adxudicado o contrato administrativo de obras de "Acondicionamento e mellora da rúa Martín Herrera de Carballo" por 296.000 euros

Luns 9 de maio do 2016

Rúa Martín Herrera

Rúa Martín Herrera

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de aprobar a adxudicación do contrato administrativo de obras de "Acondicionamento e mellora da rúa Martín Herrera de Carballo" por un importe total (IVE incluído) de 296.692 euros. A empresa Construcciones López Cao SL será a encargada de abordar os traballos sobre un prazo de execución de catro meses a contar dende o día seguinte ao da sinatura da acta de comprobación de reformulo. Hai que lembrar que un total de 20 empresas optaron á realización dos traballos.

Os traballos suporán a reordenación da circulación e a renovación das redes de saneamento e pluviais

As obras suporán a transformación da rúa nunha vía peonil, ademais da reordenación da circulación e das zonas de estacionamento. Tamén se suma a renovación da rede de saneamento, a de pluviais e o soterramento dos servizos de electricidade e telefonía. A actuación implica tamén a colocación dun novo pavimento que permitirá unha circulación mixta, así como a eliminación do peche que rodea a igrexa parroquial.

Máis asuntos de contratación

No apartado de contratación, quedou sobre da mesa a adxudicación do contrato administrativo de servizos de "Aluguer de pa e camión, con condutor, para diversos departamentos municipais". Porén, si saíron adiante as prórrogas para o contrato administrativo de servizos de limpeza de praias do municipio de Carballo e para o de servizo de dirección e coordenación da Banda de Gaitas Municipal de Carballo.

No primeiro caso, trátase unha prórroga a partir do día 1 de xuño de 2016, momento en que vence o prazo do contrato e durante o período de duración do procedemento de licitación, adxudicación e formalización do novo contrato de servizos de Limpeza de praias do Concello de Carballo; no segundo, a prórroga será por un ano até o 1 de febreiro de 2017.

Convenios

O Torneo Alevín de Fútbol 7 Concello de Carballo terá lugar os próximos días 17, 18 e 19 de xuño

No que se refire a convenios, a orde do día incluíu a aprobación de dous. Un entre o Concello de Carballo e as Escolas de Fútbol Luís Calvo Sanz para a celebración do XII Torneo de Fútbol 7 alevín Concello de Carballo que terá lugar os días 17, 18 e 19 de xuño de 2016; e outro de colaboración co Bergantiños FC para a participación de nove equipos en alomenos 281 xornadas de competición federada e diversos torneos de fútbol base, ademais dos adestramentos e partidos preparatorios amigables correspondentes.

Fóra da orde do día recibiu o visto e prace un convenio coa Escola Básket Xiria para a celebración do IV Día do Pequebasket que terá lugar o día 17 de maio en Carballo coa presenza de 700 nenos e nenas e 60 equipos.

Subvencións e outros

No apartado de subvencións, a Xunta de Goberno acordou solicitarlle á Xunta de Galicia unha axuda para a promoción da lingua galega ao abeiro da Orde do 19 de abril de 2016 que establece as bases para a concesión de subvencións a entidades locais para a promoción do uso da lingua. A contía económica que se solicita para o período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 15 de outubro de 2016 (período abranguido pola convocatoria) é de 21.000 euros.

Por último, aprobouse o programa da Campaña das Letras Galegas 2016, así como tres licenzas de obra e dúas licenzas de primeira ocupación.

Compartir: