Inicio Carballo ao día Hemeroteca Un total de 32 agrupacións musicais asinan...

O ORZAMENTO GLOBAL DO ACORDO SUPERA OS 21.000 EUROS

Un total de 32 agrupacións musicais asinan o Convenio de actuacións do Concello de Carballo para o ano 2016

Mércores 11 de maio do 2016

Un momento do acto de sinatura do convenio no Pazo da Cultura

Un momento do acto de sinatura do convenio no Pazo da Cultura

O Convenio de Actuacións Musicais do Concello de Carballo para o ano 2016 contará este exercicio coa colaboración de 32 agrupacións musicais do termo municipal das cales 14 pertencen a asociacións culturais, xuvenís ou de veciños. O acto de sinatura contou coa presenza do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, do Concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, e dos distintos representantes das agrupacións musicais do municipio que se incribiron previamente nel. O Convenio ten por obxecto contribuír á promoción da música e do folclore que se desenvolve no noso Concello, difundir o labor que as agrupacións musicais de persoas afeccionadas realizan, así como colaborar coas diferentes entidades que ao longo do ano organizan diversos actos culturais en Carballo. 

Con esta finalidade o Concello de Carballo establece este convenio específico de actuacións cos grupos musicais do municipio para que lles oferten as súas actuacións ás asociacións culturais, asociacións de veciños/as, comisións de festas ou outras entidades de carácter cultural ou social sen ánimo de lucro. As actuacións deben realizarse no termo municipal de Carballo e deberán ser públicas e gratuítas, e non poderán ser utilizadas en actos políticos, privados.

A maioría dos grupos son de música ou baile tradicional

Poderán solicitar actuacións das agrupacións asinantes deste Convenio as asociacións, comisións de festas ou outras entidades culturais e sociais sen ánimo de lucro que teñan o seu domicilio social en Carballo e que organicen e realicen actividades culturais que inclúan actuacións musicais. As entidades participantes clasificanse nas seguintes categorías:

  • Grupos de música e danza tradicional (mínimo 12 compoñentes) - [7 grupos]
  • Grupos de gaitas (mínimo 4 compoñentes) – [7 grupos]
  • Grupos de cantareiras/os (mínimo 4 compoñentes) – [5 grupos]
  • Masas corais (10-29 compoñentes) – [3 agrupacións]
  • Masas corais (a partir de 30 compoñentes) – [4 agrupacións]
  • Orquestras, conxuntos e bandas de música (mínimo 4 compoñentes) – [6 grupos]

O presuposto que se investirá neste Convenio Musical para o ano 2016 É de 21.850 euros, que se repartirán da seguinte maneira entre as distintas agrupacións por cada dúas actuacións realizadas:

  • Grupos de música e danza tradicional (mínimo de 12 compoñentes), 350€
  • Grupos de gaitas (mínimo de 4 compoñentes), 260€
  • Grupos de cantareiras (mínimo de 4 compoñentes), 260€
  • Masas corais (entre 10 e 29 compoñentes), 260€
  • Masas corais(a partir de 30 compoñentes), 425€
  • Orquestras, conxuntos e bandas de música (mínimo de 4 compoñentes), 350€

Compartir: