Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo amosa o traxe tradicional galego a...

INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN: XOVES 12 DE MAIO

Carballo amosa o traxe tradicional galego a través dunha mostra e da celebración dunha xornada o sábado 14 de maio

Mércores 11 de maio do 2016

Día da Muiñeira de Carballo

Día da Muiñeira de Carballo (Foto: Ana García, La Voz)

O Concello de Carballo e a Asociación Cultural Argazo presentan unha mostra sobre o traxe tradicional galego e unha xornada monográfica dedicada ás súas características que terá lugar o sábado 14 de maio. A exposición, titulada “O traxe do país. Poñendo en valor o noso traxe tradicional”, pretende introducir ao público nunha primeira aproximación ao redescubrimento do traxe tradicional galego baseada no estudio de pezas antigas. Componse duns 20 traxes que forman parte da colección privada de Alberto Golpe Beceiro e con pezas da colección de Antón Méndez Gándara, todos os traxes son antigos ou reproducións fieis de pezas antigas tanto de roupa como complementos do vestir e ourivería.

Esta colección permite facer un percorrido por Galicia a través da indumentaria tradicional, observando tecidos que na actualidade non se fabrican

Esta colección permite facer un percorrido por Galicia a través da indumentaria tradicional, observando tecidos que na actualidade non se fabrican, pezas de ourivería que poñen de manifesto o bo facer dos ourives galegos, mantóns e panos de cabeza que xa non se atopan, etc. A exposición pon en valor a nosa indumentaria, tratando o traxe tradicional como obxecto histórico que debe ser estudiado e preservado como parte fundamental da nosa cultura. Enmarcada na programación das Letras Galegas 2016, poderá visitarse ata o 5 de xuño de luns a domingo de 17.30 a 20.30 horas no 3º andar do Pazo da Cultura.

A inauguración da mostra está prevista para o xoves 12 de maio ás 20.30 horas no 3º andar do Pazo da Cultura de Carballo. Está prevista a presenza no acto do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; do Concelleiro de Cultura, Marcos Trigo; de Ana Nogareda, membro da Asociación Cultural Argazo e de Alberto Golpe Beceiro, un dos maiores investigadores do traxe tradicional galego que actualmente temos en Galicia e dono da colección exposta.

Xornada dedicada ao traxe galego

Esta mostra está vinculada á programación da Xornada O Traxe Tradicional Galego, organizada pola Asociación Cultural Argazo, que terá lugar o sábado 14 de maio no segundo andar do Pazo da Cultura. A programación polo miúdo é a seguinte: 

Sesión de mañá - entrada libre ata completar aforo

  • 10.30 a 11.30 - Percorrido audiovisual pola exposición de man de Alberto Golpe Beceiro
  • 11.45 a 12.45 - Charla-coloquio “'I É MENTIRA I É MENTIRA'. O TRAXE DE HOXE”
  • 13.00 a 13.45 - Mesa Redonda sobre a situación actual do noso traxe. Verdades, mentiras, invencións e tradicións.
Sesión de tarde, obradoiros – entrada con inscrición previa
  • 16.00 a 17.00 - Obradoiro teórico-práctico: Tipos de panos: de cabeza e de corpo. Cómo colocalos correctamente.
  • 17.15 a 18.15 - Cómo flecar panos de cabeza e de corpo. Con obradoiro práctico.
  • 18.30 a 19.30 - Obradoiro teórico-práctico sobre os tecidos usados no traxe tradicional visitando a exposición para poder ver de primeira man.
A inscrición nos obradoiros gratuítos pode facerse no 981 704 300 de luns a venres de 10.00 a 14.00 horas.

Compartir: