Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Horto Infantil Ecolóxico Municipal...

O OBXECTIVO É PRESENTAR A INICIATIVA FÓRA DE CARBALLO

O Horto Infantil Ecolóxico Municipal participa nun encontro de hortos ecodidácticos que se celebra estes días en Soria

Mércores 11 de maio do 2016

Horto Infantil Ecolóxico

Os nenos e nenas realizan a actividade na rúa Nardos da capital municipal

Representantes do Horto Infantil Ecolóxico Municipal e do proxecto do Horto Escolar de Carballo (que ten posto en marcha pequenos hortos en distintos centros de ensino de Infantil e Primaria en todo o municipio) participan estes días no 1º Encontro de Hortos Ecodidácticos que se celebra en España e que está desenvolvéndose entre o mércores 11 e o venres 13 de maio no Campus Universitario de Soria. O obxectivo de que Carballo participe nesta cita é, por unha banda, aprender a través dos faladoiros e mesas redondas que durante tres días abordarán as claves de aprendizaxe para os nenos e nenas, técnicas de cultivo, métodos pedagóxicos ou a educación no marco da cultura ecolóxica entre outros moitos temas; e por outra banda, presentar o proxecto que se leva desenvolvendo en Carballo dende hai dous anos e que segue en marcha con diversos obradoiros nas instalacións da rúa Nardos da capital municipal.

Abórdanse temas como a xestión de aulas e hortos ecolóxicos ou a motivación da aprendizaxe a través dos hortos infantís en Primaria

A cita está organizada pola Universidade de Valladolid a través da Rede de Universidades Cultivadas e conta coa colaboración e participación da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica. O control de plagas, a cultura alimentaria, a xestión de aulas e hortos ecolóxicos, tanto en idades temperás como en idades adultas, a motivación da aprendizaxe a través dos hortos infantís en Primaria e mesmo obradoiros prácticos en hortos serán algunhas das actividades que terán lugar estes días, e que axudarán a mellorar os obradoiros e as actividades que se desenvolven decotío en Carballo.

Compartir: