Inicio Carballo ao día Hemeroteca Vieiras, alioli, ostras, algas: os hostaleiros de...

OS ASISTENTES REALIZAN UN BALANCE MOI POSITIVO DA ACTIVIDADE

Vieiras, alioli, ostras, algas: os hostaleiros de Carballo aprenderon cos mellores ingredientes no curso do Fórum de Carballo por Etapas

Xoves 12 de maio do 2016

Curso Carballo por Etapas

Un momento do curso, impartido polo chef Mark Wernink

As dúas últimas tardes foron moi intensas, pero tamén moi frutíferas, para os hostaleiros e as hostaleiras que participaron no Curso que organizou o Concello no Fórum esta semana co gallo da ruta gastronómica Carballo por Etapas. As instalacións da Aula de Hostalería e a gran experiencia do prestixioso chef Mark Wernink aliáronse cuns ingredientes de primeira calidade para que os participantes no curso de elaboración de tapas organizado pola Concellaría de Promoción Económica puidesen sacarlle o máximo partido. E fixérono. Non hai máis que ver as creativas tapas que elaboraron.

Solombo de ibérico con cuscús de verduras ou tosta de pan de millo con esqueixada e bivalvos: algunhas das tapas elaboradas

Mark Wernink, chef responsable do Casino da Toxa e colaborador dos mellores cociñeiros de Galicia en accións formativas, ofreceu aos participantes algunhas claves para elaborar tapas saborosas, nutritivas e creativas. Na primeira xornada preparou, coa colaboración dos seus alumnos e alumnas, solombo de ibérico con cuscús de verduras, tosta de pan de millo con esqueixada e bivalvos, xarda con algas en caldo de dash e crocante de arroz, e coca de tomatiños con ventresca de atún Calvo (será o protagonista da primeira fin de semana de Carballo con Etapas) e chalotas. “Sorprendéronme na montaxe dos pratos”, asegurou Mark Wernink. E tanto foi así que hoxe optou por deixar renda solta á imaxinación dos participantes no curso. Con ingredientes como vieiras, alioli, ostras, algas, ovas de troita, magret de pato, puré de pataca, pesto ou améndoas, entre outros, tiveron que preparar as súas propias creacións. E o resultado volveu a ser espectacular.

Novas ideas para a cociña tradicional

Os participantes fixeron unha valoración moi positiva da experiencia, coa que dende o Concello de Carballo preténdese contribuír á mellora da calidade gastronómica dos negocios de restauración e a incrementar a súa oferta gastronómica coa cultura do tapeo, ademais de impulsar novas ideas á cociña tradicional e achegar aos profesionais coñecementos sobre aspectos relacionados coa mellora da rendibilidade da oferta de tapas e coa mellora da organización e optimización de tempos.

Agora tan só queda agardar a que os participantes da cita formativa apliquen os coñecementos adquiridos durante Carballo por etapas os días 27, 28 e 29 de maio, e 3, 4 e 5 de xuño. Os establecementos que decidiron subir este ano ao tren da popular ruta de tapas son A Barra Bar, Cafés A Cafeteira, Cafetería Abastos, Café Bar Embajador, Café Bar Ginebra, Cafetería Habanos 79, Cafetería Xorima, Cervecería Ágora, Cervecería Beos, Cervecería Dublín, Cervecería La Bombonera, Mesón A Cabaña, Mesón As Viandas, Oasis Restaurante-Vinoteca, Restaurante El Hórreo, Restaurante Mesón do Pulpo, Restaurante Vinoteca A de Pako, Tapería Aturuxo, Cervecería-Tortillería O Casino e Trattoria Pizzería Vesuvio. Seguro que chuparemos os dedos!

Compartir: