Inicio Carballo ao día Hemeroteca Douscentos usuarios e usuarias da BDT...

NOS MESES DE MAIO E XUÑO NO FÓRUM CARBALLO

Douscentos usuarios e usuarias da BDT participarán en cursos de prevención de riscos laborais para distintos sectores

Sábado 14 de maio do 2016

BDT Carballo

A BDT está situada no segundo andar do Fórum Carballo

A Bolsa de Traballo (BDT) do Concello de Carballo ofrece a 200 persoas desempregadas a posibilidade de formarse en prevención de riscos laborais (PRL). Entre este mes e o próximo impartiranse no Fórum Carballo oito cursos de cinco especialidades diferentes: nivel básico de prevención de riscos laborais na construción, e catro específicos para os sectores de electricidade, aparatos elevadores, albanelería e encofrados. En cada acción formativa participarán 25 alumnos, todos usuarios da BDT.

En cada acción formativa participarán 25 alumnos e alumnas, todos usuarios e usuarias da Bolsa de Traballo

Os cursos de nivel básico de prevención de riscos laborais na construción comezarán o vindeiro mércores 18 e rematarán o día 31. Haberá dúas quendas de 25 alumnos, a primeira de 08.00 a 14.00 horas e a segunda, de 15.00 a 21.00. En total, cada grupo recibirá 60 horas de formación.

Dúas quendas para o curso de electricidade

Tamén haberá dúas quendas no curso de PRL específico de electricidade, que terá seis horas de duración. O primeiro grupo acudirá ao Fórum o día 1 de xuño de 08.30 a 14.30, e o segundo, ao día seguinte no mesmo horario. A formación específica sobre aparatos elevadores abranguerá 12 horas ao longo dos días 6 e 7 de xuño, de 08.00 a 14.00 para o primeiro grupo e de 15.00 a 21.00 horas para o segundo. Neste caso a formación será tanto teórica coma práctica, e esta última realizarase con dúas máquinas de brazo articulado diésel e tesoira de 12 metros de altura.

O 8 de xuño, de 08.30 a 14.30, impartirase o curso específico de albanelería, e o día 9, no mesmo horario, o de encofrados. Ámbolos dous terán seis horas de duración.

A Concellería de Promoción Económica do Concello de Carballo aposta por este tipo de accións formativas, que contribúen a mellorar a empregabilidade das persoas usuarias da Bolsa de Traballo e, sobre todo, prepáranas para afrontar o traballo coas máximas garantías de seguridade e a minimizar, en consecuencia, os riscos laborais en sectores como son os relacionados coa construción.

Compartir: