Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo rende homenaxe ás Letras Galegas...

A PARTIR DAS 11.00 HORAS NO XARDÍN E NA PRAZA DO CONCELLO

Carballo rende homenaxe ás Letras Galegas cunha xornada chea de libros, de música, de arte e de Manuel María

Luns 16 de maio do 2016

G en ti

Carballo festexa o Día das Letras Galegas e o Día de Manuel María con un montón de actividades inspiradas nos versos do autor da Terra Chá: "Galiza somos nós: a xente e mais a fala. Se buscas a Galiza en ti tes que atopala!". O programa "G en ti" ofrece unha grande variedade de actividades durante toda a mañá do 17 de maio. Empezando co maratón As letras en voces no Xardín Municipal. Como cada ano o Día das Letras, Carballo celebra esta xornada de lectura na que as persoas que o desexen len un fragmento dun texto dun autor que teña sido homenaxeado o 17 de maio, con especial atención ao do ano en curso, neste caso Manuel María. A cita conta coa actuación da Banda Municipal de Gaitas, do grupo de música tradicional Arume de Berdillo, da Coral Ribeiras do Anllóns e de diversos centros educativos de Carballo.

A compañía carballesa Galeatro estrea a partir das 12.00 horas o espectáculo "Unha clase maxistral" para todos os públicos

Dende hai 37 anos a Praza do Concello acolle o Concurso infantil de pintura Luís Calvo que organiza a Asociación Cultural Lumieira, no que teñen participado xeracións e xeracións de carballeses e carballesas e que xa forma parte dos actos tradicionais do 17 de maio. E todas as familias que se acheguen ao Xardín tamén poderán asistir a Unha clase maxistral. A compañía carballesa Galeatro (con Alba Bermúdez e Tone Martínez) estrea este espectáculo diante do público carballés e nunha data tan especial como o Día das Letras.

Música de banda e Son Carballo

Ademais, este ano as Letras Galegas tamén están tinxidas de música. A Banda Municipal anima as actividades a primeira hora por todas as rúas do centro carballés tocando unhas alboradas para animar á xente a participar nas actividades. Como peche, a partir das 12.45 horas na Rúa Coruña no tradicional Concerto das Letras.

Por último, unha das novidades das citas do Día das Letras é o concerto sesión vermú de presentación do disco de bandas carballesas Son Carballo, con Sonseis+, Lowcos, Porta con porta, Versión Imposible, Surf&Sun, KillerCats, The Cerne, Dude, Crú e Nanny Mouro. Tamén no Xardín Municipal e con entrada libre.

Non faltedes! Festexade as letras con "G en ti". E en Carballo.

Compartir: