Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Calvo Xiria pídelle apoio ás...

A FASE DE ASCENSO: EN CARBALLO ENTRE O 27 E O 29 DE MAIO

O Calvo Xiria pídelle apoio ás bancadas para poder ascender á segunda máxima categoría do balonmán español

Xoves 19 de maio do 2016

Rolda de prensa

Responsables do Concello e do club durante a presentación da fase de ascenso

Entre o venres 27 e o domingo 29 de maio o Calvo Xiria xógase o ascenso á segunda máxima categoría do balonmán español. Farao en Carballo tendo diante aos mellores equipos da tempada: o Hispanitas Petres de Alacante, o Balonmano Carabanchel e o Caserío Ciudad Real. É a terceira ocasión en que o club opta a subir á División de Honra de Prata, pero é a primeira que se xoga en casa, e iso mellora moito as opcións de triunfo. Sobre todo, se "controlamos os nervios", segundo subliña o adestrador, Marcos Rodríguez.

O club espera que o pavillón se encha de seareiros e seareiras que apoien ao equipo como levan facendo toda a tempada

E tamén, como explica o capitán, Pablo Iglesias, con impaciencia e "con moitas gañas" de comezar a xogar sobre todo contando co excepcional apoio dos afeccionados e afeccionadas. De feito, o club os patrocinadores e os responsables municipais animan aos seareiros e seareiras a que apoien, unha vez máis, e como levan facendo toda a tempada, ao seu equipo. De feito, aínda que é a terceira ocasión en que o club opta ao ascenso, como apunta o Alcalde, Evencio Ferrero, é a primeira en que o fai como campión, polo que espera "que Carballo sexa unha festa extraordinaria do balonmán tanto no pavillón como fóra del".

Un ascenso complicado

No que respecta ao aspecto deportivo, o adestrador, Marcos Rodríguez, sinala que vai ser "moi complicado gañar cada partido" e asegura que "o primeiro partido vai ser clave", neste caso o venres ás 21.00 h. contra o Carabanchel. O presidente do club, Luciano Calvo, asegura que para el é "moi emocionante" vivir esta fase, e máis "coa canteira de Carballo". Cre que este chanzo pode ser, por que non, "a antesala para ir á Asobal" e máis coa "raza brava dos xogadores de Carballo", xa que todos os membros do equipo son da vila excepto un de Lalín, que, aclara Luciano Calvo, tamén ten raza.

A fase xógase co Hispanitas Petres de Alacante, o Balonmano Carabanchel e o Caserío Ciudad Real

Por último, o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, subliña a importancia que estas citas deportivas teñen para Carballo, que ten o mesmo número de pernoctacións que os outros 16 concellos da Costa da Morte xuntos, "e estou seguro de que en gran parte é debido á actividade deportiva", que é "moi importante para a economía do Concello".

En todo caso, todos animan a que Carballo participe a última fin de semana de maio nesta festa do balonmán, e que se consiga o obxectivo, "aínda que se non é así", resalta Evencio Ferrero, "non hai que poñer un punto sobre unha tempada extraordinaria", nin sobre o fantástico labor do club e do equipo.

Compartir: