Inicio Carballo ao día Hemeroteca Comezan no Fórum Carballo os cursos de...

A PRIMEIRA DAS ACCIÓNS FORMATIVAS REMATA O DÍA 31

Comezan no Fórum Carballo os cursos de Prevención de Riscos Laborais que formarán a 200 persoas desempregadas

Venres 20 de maio do 2016

Cursos de Prevención de Riscos Laborais

O Alcalde falou co alumnado dos cursos de Prevención de Riscos Laborais

Xa están en marcha os cursos de prevención de riscos laborais organizados pola Bolsa de Traballo (BDT) do Concello de Carballo, e nos que participarán un total de 200 persoas desempregadas entre este mes e o próximo. Os alumnos do curso de nivel básico de PRL na construción, que comezou onte e rematará o día 31, recibiron hoxe a visita do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que os animou a aproveitar a formación para intentar mellorar a súa empregabilidade. Nese sentido, o alcalde reiterou o compromiso do goberno municipal coa organización de accións formativas vinculadas coas necesidades reais do mercado laboral, como é o caso da prevención de riscos laborais.

Oito cursos de cinco especialidades

Ademais do curso básico de PRL na construción, con 50 alumnos divididos en dúas quendas, a Bolsa de Traballo ofrece formación específica de electricidade, aparatos elevadores, albanelería e encofrados. En total impartiranse oito cursos de cinco especialidades diferentes.

Ferrero desexoulles sorte ás 50 persoas que están a formarse en competencias clave para acceder aos certificados de profesionalidade

Evencio Ferrero tamén aproveitou a visita ao Fórum Carballo para desexar moita sorte ás 50 persoas usuarias da BDT que están a formarse nas competencias clave para acceder ao certificado de profesionalidade de nivel 2. As probas de avaliación, que convoca a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, celebraranse este sábado 21 en Silleda.

Compartir: