Inicio Carballo ao día Hemeroteca Luz verde na Xunta de Goberno para adxudicar o...

O IMPORTE ROLDA OS 95.000 EUROS POR UN PRAZO DE 48 MESES

Luz verde na Xunta de Goberno para adxudicar o subministro de aparatos de cardio e musculación para as salas fitness municipais

Luns 23 de maio do 2016

Sala fitness do Complexo Carballo Calero

Sala fitness do Complexo Carballo Calero

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de adxudicar o contrato administrativo de "Subministro, por renting, de aparatos de cardio, musculación e outros para as salas fitness do complexo deportivo Vila de Noia e do complexo deportivo Carballo Calero". A empresa responsable do subministro será Exercycle SL por un importe total de 94.123,87 euros, co compromiso de instalar tamén os aparatos en cada unha das salas. A duración do arrendamento será de 48 meses a contar dende a data efectiva de entrega do subministro e o prazo de garantía é tamén de 48 meses.

A empresa proporcionará, sen custo adicional, unha cinta de correr e 150 metros cadrados de chan de goma, especial para ximnasios

O licitador comprometeuse a empregar un tempo de resposta para a asistencia técnica dunha hora a partir da comunicación. Por último, a empresa adxudicataria comprometeuse a executar as melloras, sen custo adicional para o Concello, consistentes no subministro dunha cinta de correr e no subministro e colocación de 150 metros cadrados de chan crossfit, especial para ximnasios e salas fitness, de 5 milímetros de esperos. Estas melloras están valoradas en máis de 6.000 euros.

No apartado de contratación a sesión tamén supuxo luz verde para varias prórrogas e modificacións. En primeiro lugar prorrógase por un ano o contrato administrativo de servizos de "Organización e vixilancia do espazo público onde se desenvolve o Mercado de Ambulantes da Milagrosa" até o 1 de febreiro de 2017; en segundo, amplíase o obxecto do contrato de servizos de "Mantemento das aplicacións informáticas de xestión municipal" para incorporar o mantemento dunha nova aplicación, o conector FACe; e por último, amplíase o prazo de execución das obras de "Reurbanización na contorna do Complexo Vila de Noia, CEIP Fogar e IES Aldredo Brañas" até o 30 de xullo de 2016.

Programa de exercicio físico para maiores

A Xunta de Goberno tamén deu luz verde para o desenvolvemento do Programa de exercicio físico para adultos e adultas maiores de 60 anos para que se desenvolva dende o 1 de outubro de 2016 até o 30 de xuño de 2017. As persoas participantes realizarán entre douas e tres sesións semanais de entre 30 e 45 minutos de exercicio aeróbico, acondicionamento muscular e flexibilidade de baixo impacto osteoarticular.

Durante a sesión aprobouse, así mesmo, a concesión dunha subvención nominativa á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Concello de Carballo como entidade que realiza actividades de diversa índole social, humanitaria e de prevención de riscos, ao longo de todo o ano. O importe da subvención ascende a 25.000 euros.

Comisión das Festas de San Xoán

Outro dos asuntos foi a constitución da Comisión das Festas de San Xoán, integrada por:

- En representación da Asociación Cultural San Xoán:

  • Presidenta: María José Souto Cristóbal
  • Secretario: Gustavo Lorenzo Pena
  • Vogais: Sergio Varela Fuentes, José Luís Fraga Álvarez, Daniel Pérez López e Manuel Fariña Suárez.

- En representación do Concello de Carballo:
  • Vogais: María del Mar Eirís Villar, Concelleira de Festas; Inés Rodríguez Muíño, Concelleira de Participación Cidadá; e María del Carmen Castro Pombo, Xefa do Servizo de Cultura do Concello de Carballo.

A sesión supuxo a aprobación dunha licenza de obra e de dúas licenzas de primeira ocupación.

Compartir: