Inicio Carballo ao día Hemeroteca Chicharrón tocan o sábado 28 en...

NA BIBLIOTECA REGO DA BALSA ÁS 20.30 HORAS: ENTRADA LIBRE

Chicharrón tocan o sábado 28 en Carballo acompañados por Emilio José: a mellor música galega no Curruncho Pop

Martes 24 de maio do 2016

Chicharrón

Chicharrón

O sábado 28 de maio chega á Biblioteca Rego da Balsa a penúltima entrega do Curruncho Pop, unha proposta para encher a Biblioteca Rego da Balsa de Carballo de música alternativa. Se vos gustan os sons independentes tendes o sábado 28 de maio unha cita con Chicharrón, un grupo con raíces carballesas que, despois de presentar en marzo con cheo no Pazo da Cultura o seu segundo disco Postal, volven para ofrecer os seus sons nun espazo máis íntimo e acústico.

Chicharrón son Alberto, Mar, Diego, Xurxo e Rubén, unha banda de raíces carballesas que volve a tocar na vila despois de presentar o seu disco Postal

Postal é un traballo integramente en galego e no que fan "unha parada para pensar no que levamos percorrido e no que nos rodea". Así o explicaba Alberto Vecino, un dos compoñentes do grupo, na presentación do disco. Ademais de Alberto, Chicharrón son Mar, Diego, Xurxo e Rubén, unha banda totalmente indepedente con raíces carballesas que xurdiron trala disolución de Franc3s e que siguen avanzando cun segundo traballo con doce cancións nas que amosan certa "madurez" cunha "produción máis pulida" e no que escolleron o galego, "porque ten moito potencial lírico e moita musicalidade" segundo Diego Gende. Aínda que poda parecer unha decisión arriscada para un disco do panorama máis pop e 'indie".

En BandCamp podedes escoitar o seu traballo premendo aquí.

Estarán acompañados por Emilio José

Agricultura Livre de Emilio José

Agricultura Livre de Emilio José

Estarán enriba do escenario con Emilio José. De Quins (Ourense), e polo tanto, como el dí “un cantautor de Quins e en Quins fálase galego”. Debuta en disco no 2009 con Chorando apréndese (Foehn), e xa se dá un conta de que ten un par de narices (o selo tamén), debuta cun disco dobre. Por outra parte, resulta moi difícil poder etiquetalo, o derradeiro disco até agora, do 2015, e que case empeza a presentar no Curruncho Pop Agricultura Livre (Foehn), un triple disco onde hai case de todo, coma en botica. Se Cunqueiro fixese pop, igual non andaría lonxe de Emilio José... e Cunqueiro son palabras maiores.

Os seus sons e os de Chicharrón de balde na Biblioteca Rego da Balsa nunha oportunidade única. A entrada é de balde, pero, debido ás limitacións do aforo, é preciso reservar con anterioridade a través de <biblioteca@carballo.gal> ou no número de teléfono da biblio 981 758 580. Só se reservarán un máximo de catro pases por persoa. Bulide!



Galería

Compartir: