Inicio Carballo ao día Hemeroteca Arredor de 150 corredores de toda Galicia...

SÁBADO A PARTIR DAS 15.30 HORAS: SAÍDA NA PRAZA DO CONCELLO

Arredor de 150 corredores de toda Galicia compiten o 28 de maio no Trofeo Ciclista Concello de Carballo

Mércores 25 de maio do 2016

Club Ciclista Carballo

Representantes do Concello e do Club Ciclista na presentación da cita

Uns 150 corredores de toda Galicia participan o sábado 28 de maio no Trofeo Ciclista Concello de Carballo 2016, que congregará a representantes das categorías Femias, Cadetes e Escolas a partir das 15.30 horas poas rúas e estradas do municipio. Poucas novidades presenta a proba este ano, unha cita xa tradicional no calendario. O percorrido para os cadetes é de 52,7 quilómetros e principia ás 17.00 horas; as escolas realizan un circuíto urbano a partir das 18.45 horas e os principiantes realizan unha proba de habilidade na Praza do Concello.

Trátase dunha das tres probas do calendario galego que conta cun percorrido exclusivamente para a categoría feminina

Como cada ano, hai que subliñar que esta é únha das tres probas do calendario galego que conta cun percorrido deseñado exclusivamente para a categoría feminina, algo digno de mención xa que, por norma xeral, compiten conxuntamente cos rapaces. Neste caso realizarán unha ruta de 32,4 quilómetros a partir das 15.30 horas.

Premios especiais

A proba conta con dous premios especiais, tanto na categoría de Femias coma na de Cadetes, que son Meta Voante, patrocinada por Panadaría Añon, e Sprint Especial, patrocinado por Rumacru SL. O circuíto das escolas (alevíns e infantís) transcorrerá polas rúas Gran Vía, Doutor Fleming, Vázquez de Parga, Desiderio Varela e volta á Gran Vía. Os trofeos (un total de 40) teñen sido elaborados por Aspaber.

A saída, a meta e a zona de quecemento estará situada na rúa Gran Vía á altura do Mercado; o parque pechado na Praza do Concello e a oficina permanente na Casa do Concello. Os interesados e interesadas poden descargar nesta mesma nova un documento en pdf cos rutómetros, o importe dos trofeos e toda a información de interese na proba.

Descargas



Galería

Compartir: