Inicio Carballo ao día Hemeroteca Asinado o contrato de obras de Acondicionamento e...

OS TRABALLOS TEÑEN UN ORZAMENTO DE 296.000 EUROS

Asinado o contrato de obras de Acondicionamento e mellora da rúa Martín Herrera e da contorna da Igrexa parroquial

Mércores 25 de maio do 2016

Acto de sinatura

O Alcalde e un representante da empresa durante o acto de sinatura

A Casa do Concello vén de acoller o acto de sinatura do contrato administrativo de obras de "Acondicionamento e mellora da rúa Martín Herrera de Carballo", que foron adxudicadas na Xunta de Goberno do pasado 9 de maio por un importe total (IVE incluído) de 296.692 euros. A empresa Construcciones López Cao SL será a encargada de abordar os traballos sobre un prazo de execución de catro meses a contar dende o día seguinte ao da sinatura da acta de comprobación de reformulo.

O prazo de execución dos traballos é de catro meses a partir da sinatura da acta de comprobación de reformulo

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e un representante de López Cao foron os encargados de formalizar o contrato.

Novo pavimento e ordenación da vía

Hai que lembrar que un total de 20 empresas optaron á realización dos traballos, que suporán a transformación da rúa nunha vía peonil, ademais da reordenación da circulación e das zonas de estacionamento.

Tamén se suma a renovación da rede de saneamento, a de pluviais e o soterramento dos servizos de electricidade e telefonía. A actuación implica tamén a colocación dun novo pavimento que permitirá unha circulación mixta, así como a eliminación do peche que rodea a igrexa parroquial.

Compartir: