Inicio Carballo ao día Hemeroteca As I Xornadas Empresariais de Bergantiños...

COOPERACIÓN, CIENCIA, CREATIVIDADE, ADAPTACIÓN: PIARES CLAVE

As I Xornadas Empresariais de Bergantiños pechan despois de converterse nun espazo de encontro para o emprendemento e a consolidación empresarial

Venres 27 de maio do 2016

I Xornadas Empresariais de Bergantiños

Un momento da xornada de peche no Fórum Carballo

As empresas, os emprendedores, as administracións públicas e outras institucións teñen que ser axentes económicos activos e cooperantes entre si e teñen como reto estar máis preto das demandas dos clientes, os cidadáns e os contribuíntes. Estas son só algunhas das conclusións que deixaron as I Xornadas Empresariais de Bergantiños, que durante tres interesantes sesións no Fórum Carballo se converteron nun espazo de encontro e para a reflexión para o tecido empresarial de Carballo e da comarca.

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, foi o encargado do peche, precedido polo director e relator das Xornadas, o avogado Antonio Alvarez González, ademais de por Javier Aguilera Navarro do IGAPE, Santiago Anxo Luaces de Herran, directivo de CaixaBank e Manuel Galdo Pérez, Secretario Xeral de Presidencia da Xunta de Galicia. Todos eles avalaron a importancia de crear foros como estas xornadas, que permitan o intercambio de ideas e mesmo a proposta de solucións para mellorar a actual situación do sector.

Relevo xeracional e trámites administrativos

As xornadas estiveron organizadas por Eurogabinete

As xornadas estiveron organizadas por Eurogabinete

Algúns dos relatorios abordados durante as tres xornadas apuntaron recomendacións como planificar a sucesión xeracional das empresas cando os fundadores teñen entre os 50 e 55 anos e o control e o temón da empresa fronte aos seus descendentes. O obxectivo, evitar a desaparición de importantes empresas familiares. Tamén se falou sobre a xestión do talento como recurso básico dunha empresa, que require moita máis atención da que se lle presta, do mesmo xeito que a formación.

Outra das problemáticas abordadas estivo relacionada cos trámites burocráticos. As opcións de tributación e de deducións fiscais do patrimonio afecto ás actividades empresariais, os obstáculos administrativos e urbanísticos relacionados co problema de licenzas de obra e actividade, os cambios introducidos na Lei do Solo de Galicia ou un exemplo sobre a negociación do Protocolo de Kyoto por unha empresa de Buño, foron outros dos temas tratados.

Os efectos da globalización

Os faladoiros tamén reflexionaron sobre as consecuencias da economía globalizada. O que valía no século XX xa non vale no século XXI nin hai dez anos, do que son claro exemplo os casos de Nokia, Kodac ou Motorola, que foron empresas de vangarda nos primeiros anos deste século. O memo ten sucedido con grandes e pequenas empresas galegas do século pasado, que acabaron por desaparecer

As novas tecnoloxías convértense nun eixo fundamental do novo emprendemento empresarial

No marco da nova economía e as novas tecnoloxías, os relatores resaltaron esta situación e puxeron exemplos como o de Amazon, a maior tenda do planeta que non ten nin un só establecemento a pé de rúa. Todas as súas vendas realízanse por Internet e entréganse por medios de transporte rápidos. Agora trabállase en rede as 24 horas, desde calquera sitio con conexión a Internet, o que eleva o nivel de esixencia para competir.

Conseguir a supervivencia das empresas

O obxectivo é conseguir que sobrevivan e se consoliden a maioría das empresas que se crean na contorna

Por último, outra das conclusións deixadas para as novas xeracións de emprendedores, é que teñen que aterse ás regras das 4Cs para pilotar o seu barco empresarial: a ciencia, a creatividade, a cooperación e o cambio continuo.

Toda unha serie de ensinanzas e reflexións destinadas a conseguir que, aínda que toda iniciativa por emprender entraña riscos, sexamos quen de minimizalos, traballando con criterio e plan. O obxectivo é conseguir que sobrevivan e se consoliden a maioría das empresas que se crean para non converter en cascallo os aforros, o patrimonio empresarial e os créditos concedidos a través de fondos públicos e privados.

Compartir: