Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno aborda a incorporación de 1,3...

INVESTIRANSE MÁIS DE 450.000 EUROS PARA O ARRANXO DE VÍAS

O pleno aborda a incorporación de 1,3 millóns de euros do remanente para mellorar as vías secundarias das parroquias e saldar a débeda cos bancos

Venres 27 de maio do 2016

Rolda de prensa

O Alcalde e a 1ª Tenente de Alcalde presentaron os asuntos da orde do día

Carballo celebra o luns 30 de maio unha sesión plenaria ordinaria na que un dos principais puntos da orde do día é a aprobación dun suplemento de crédito para incorporar un total de 1.309.727,49 euros do remanente de tesourería para gastos xerais. Esta cantidade permitirá saldar a débeda cos bancos, ademais de mellorar a rede de vías secundarias do municipio nun total de cinco parroquias. Hai que lembrar que no pleno de abril a corporación aprobou un plan económico financeiro -estipulado de acordo coas directrices que marca a Lei- que regula o gasto financiado a través do remanente de tesourería, que queda limitado en 2016 a 1,8 millóns de euros. Este suplemento de crédito estipula en que se investirán 1,3 deses 1,8 millóns.

Coa axuda do remanente poderanse mellorar as vías das parroquias de Cances, Goiáns, Carballo, Artes e Sísamo

En primeiro lugar, 462.011,79 euros servirán para seguir avanzando na mellora dos viais secundarios das parroquias do Concello. Así, o goberno decidiu destinar durante este mandato arredor de dous millóns de euros para a mellora das estradas e pistas das 18 parroquias de Carballo, comezando pola zona norte e costeira do municipio a través do POS 2016, que investirá 819.896,73 euros para a reparación de viais nas parroquias de Noicela, Vilela, Bértoa, Razo e Oza, cun plan complementario para a mellora de vías en Lema e Rebordelos.

Reducir a débeda a cero

Cos 462.011,79 euros do remanente melloraranse tamén as vías das parroquias de Cances, Goiáns, Carballo (neste caso para zonas de fóra da capital municipal como A Brea), Artes e Sísamo. Continúase dende a zona Norte e Noroeste de Carballo cara ao centro e o Leste do municipio. Deste xeito, coa inclusión de novos proxectos de mellora de vías no POS de 2017 completaríase o arranxo de toda a rede viaria municipal.

Por outra banda, 847.715,7 euros destinaranse para reducir a cero a débeda bancaria do Concello. Saldaríase esta cantidade de tal forma que non restaría ningunha débeda pendente, tan só a do Plan de Aforro e Investimentos da Deputación da Coruña (PAI), que achega o seu importe a través da fórmula de empréstito para todos os concellos da provincia e que supón unha débeda mínima en relación ao orzamento municipal.

Outros asuntos

A sesión tamén inclúe outros asuntos de trámite, como o sorteo dos compoñentes das mesas electorais con motivo das eleccións xerais do 26 de xuño de 2016. Así mesmo, o pleno debe ratificar unha resolución xudicial respecto dun terreo na rúa Garzas, en Arnados, Razo en relación co Inventario Municipal de Bens. Así, este terreo, de 341 metros cadrados, figuraba no inventario como de dominio público e polo tanto estaba clasificado entre os bens do Concello. Porén, segundo esta resolución, o solar debe darse de baixa do inventario e notificárselle aos interesados e interesadas, así como á administración estatal e autonómica.

Ademais, o pleno recolle a aprobación dun acordo de adhesión ao Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Costa da Morte trala disolución do GDR Bergantiños. O Concello sumarase a esta entidade, ao igual que todos os municipios da comarca.

Apartado de mocións

No que respecta ás mocións, o PSOE presenta unha relativa á posta en marcha dun plan de xestión e protección do arborado público na que se solicita a confección dun inventario informatizado de espazos verdes que inclúa a cartografía de árbores e arbustos así como o arborado viario existente na nosa localidade; detectar e valorar o risco de fractura ou caída das árbores urbanas e as súas probabilidades de futuro para poder establecer, coa máxima información dispoñible, os criterios de xestión deste patrimonio e evitar, na medida do posible, riscos innecesarios á cidadanía; e por último, manter ao cidadán informado sobre as diversas actuacións que afecten o arborado da vila, tales como a supresión ou substitución de árbores, podas e transplantes de relevancia significativa, ademais de promover accións cívicas relacionadas coas árbores e a súa contorna.

O pleno debaterá a posta en marcha dun plan de xestión e protección do arborado público e a confección dun inventario

O Alcalde, Evencio Ferrero, manifestou a intención do goberno de apoiar esta iniciativa, xa que dende hai un tempo, e especialmente a raíz da caída do ciprés do Xardín Municipal o pasado inverno a causa dun temporal, o Concello xa está tomando medidas neste sentido.

O PP, pola súa banda, insta na súa proposta ao goberno municipal a que tome as medidas necesarias para que as comisións de festas de todos os barrios e parroquias de Carballo reciban unha axuda económica para levar a cabo as súas festas.

Compartir: