Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aprobada unha modificación de...

O CONCELLO SALDARÁ CON 847.000 EUROS A DÉBEDA COS BANCOS

Aprobada unha modificación de crédito que permitirá destinar 462.000 euros para o arranxo de vías en Cances, Goiáns, Carballo, Artes e Sísamo

Martes 31 de maio do 2016

Pleno 30 maio 2016

Un momento da sesión plenaria celebrada o 30 de maio

A corporación carballesa celebrou o luns 30 de maio unha sesión plenaria ordinaria na que un dos principais puntos da orde do día foi o debate para aprobar unha modificación de crédito para incorporar un total de 1.309.727,49 euros do remanente de tesourería para gastos xerais. A proposta saíu adiante co once fotos a favor do grupo de goberno, a abstención de PP e PSOE e os votos en contra de TEGA. En virtude do actodo, un total de 462.011,79 euros servirán para seguir avanzando na mellora dos viais secundarios das parroquias do Concello, neste caso para arranxar os situados nas parroquias de de Cances, Goiáns, Carballo (neste caso en zonas situadas fóra da capital municipal como A Brea), Artes e Sísamo.

O POS 2016 xa ten previsto actuar na rede viaria das parroquias de Noicela, Vilela, Bértoa, Razo, Oza, Lema e Rebordelos

Con este investimento continúase cos traballos previstos no POS 2016, que investirá 819.896,73 euros para a reparación de viais nas parroquias de Noicela, Vilela, Bértoa, Razo e Oza, cun plan complementario para a mellora de vías en Lema e Rebordelos. E está previsto seguir en 2017 con máis obras do Plan de Obras e Servizos para completar así a mellora de toda a rede viaria municipal.

Os outros 847.715,7 euros do remanente destinaranse para reducir a cero a débeda bancaria do Concello. Pagaráselle esta cantidade ás entidades financeiras, de tal forma que non restaría ningunha débeda pendente, tan só a do Plan de Aforro e Investimentos da Deputación da Coruña (PAI), que achega o seu importe a través da fórmula de empréstito para todos os concellos da provincia e que supón unha débeda mínima en relación ao orzamento municipal.

Unanimidade para inventariar os espazos verdes

No apartado de mocións, saíu adiante unha proposta do PSOE para a posta en marcha dun plan de xestión e protección do arborado público na que se solicita a confección dun inventario informatizado de espazos verdes que inclúa a cartografía de árbores e arbustos así como o arborado viario existente na nosa localidade; a detección e valoración o risco de fractura ou caída das árbores urbanas e as súas probabilidades de futuro para poder establecer, coa máxima información dispoñible, os criterios de xestión deste patrimonio e evitar, na medida do posible, riscos innecesarios á cidadanía.

O acordo inclúe que se informe aos veciños e veciñas de todas as actuacións que afecten ao patrimonio árboreo de Carballo

Por último, a moción acorda manter ao cidadán informado sobre as diversas actuacións que afecten o arborado da vila, tales como a supresión ou substitución de árbores, podas e transplantes de relevancia significativa, ademais de promover accións cívicas relacionadas coas árbores e a súa contorna.

No mesmo apartado de mocións quedou, en cambio, sobre da mesa para posterior estudo, unha proposta do PP na que insta ao goberno municipal a que tome as medidas necesarias para que as comisións de festas de todos os barrios e parroquias de Carballo reciban unha axuda económica para levar a cabo as súas celebración.

Sorteo das mesas electorais

A sesión tamén sacou adiante outros asuntos por unanimidade, como a adhesión ao Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Costa da Morte trala disolución do GDR Bergantiños. O Concello sumarase a esta entidade, ao igual que todos os municipios da comarca. Coa abstención de PP e TEGA e os votos a favor do resto da corporación, o pleno ratificou unha resolución xudicial respecto dun terreo na rúa Garzas, en Arnados, Razo en relación co Inventario Municipal de Bens. Así, este terreo, de 341 metros cadrados, figuraba no inventario como de dominio público e polo tanto estaba clasificado entre os bens do Concello. Porén, segundo esta resolución, o solar debe darse de baixa do inventario e notificárselle aos interesados e interesadas, así como á administración estatal e autonómica.

Para rematar, a sesión incluíu o sorteo dos compoñentes das mesas electorais con motivo das eleccións xerais do 26 de xuño de 2016.

Compartir: