Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo celebra o 5 de xuño o XXXV...

OS SONS TRADICIONAIS INVADIRÁN DE NOVO AS RÚAS DE CARBALLO

Carballo celebra o 5 de xuño o XXXV Día da Muiñeira coa presenza de catorce agrupacións de toda Galicia

Mércores 1 de xuño do 2016

Día da Muiñeira

Día da Muiñeira 2015

Un total de 14 agrupacións chegadas de distintos puntos de Galicia percorren o domingo as rúas de Carballo da man da Asociación Cultural Nemeth e coa colaboración do Concello de Carballo. Este ano é a XXXV edición desta cita coa música e o baile tradicional e desta volta un total de catorce agrupacións chegadas de toda Galicia participan nesta festa.

Son as seguintes: a Asociación Xuvenil Xiradela de Arteixo; a Asociación Cultural San Campio de Cances; a Asociación Cultural Raigañas de Cerqueda (Malpica); a Asociación O Candil de Sísamo; a Asociación Santa Mariña de Cerqueda (Malpica); a agrupación Semente Nova de Oleiros; a Asociación de Baile Veiga do Coton de Negreira; a agrupación Terras de Ames, de Ames; a Asociación Santa María de Torás (A Laracha); Arume de Berdillo; Asociación Inllar de Ponteceso; Asociación Brens de Cee; Asociación O Graxal de Cambre; e os anfitrións da cita, a Asociación Cultural Nemeth.

Do Centro Comercial Bergantiños á Praza do Concello

Todos os participantes reuniranse ás 17.00 horas no aparcadoiro do Centro Comercial Bergantiños para realizar o tradicional percorrido polas rúas de Carballo ata chegar á Praza do Concello, onde ás 18.00 horas haberá unha exhibición de baile con todos os grupos. En caso de que as condicións meteorolóxicas non permitan a realización da actividade no exterior, trasladarase ao Pavillón Carballo Calero.

O baile conxunto levarase a cabo coa Muiñeira de Berdoias a partir das 18.00 horas

Os gaiteiros interpretarán catro veces a Muiñeira de Berdoias, con catro puntos e cinco voltas: a primeira das veces para que os bailadores escoiten e se familiaricen coa melodía, e as tres seguintes para que todos os grupos bailen ó seu son. Despois do baile conxunto, as agrupacións que así o desexen poderán realizar unha pequena actuación no escenario.

Vive o Día da Muiñeira en Carballo!

Ligazóns



Galería

Compartir: