Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Curruncho Pop pecha a súa andaina o...

DE BALDE A PARTIR DAS 20.30 H. NA BIBLIOTECA REGO DA BALSA

O Curruncho Pop pecha a súa andaina o sábado 4 de xuño cos sons vascos e carballeses de Rafael Berrio e Luis Rivera

Xoves 2 de xuño do 2016

Rafael Berrio

Rafael Berrio

Despois de tres concertos nos que o público carballés puido gozar cos sons máis alternativos nun espazo singular e acolledor como é o auditorio da Biblioteca Rego da Balsa, cunha cuarta cita pechamos esta primeira andaina do Curruncho Pop. E o facemos con sons vascos e carballeses, con Rafael Berrio e Luis Rivera que o sábado 4 de xuño a partir das 20.30 horas pechan este ciclo de citas gratuítas que fixeron vibrar os muros da biblio.

O vasco Rafael Berrio ten unha longa experiencia no mundo da música e conta con influencias como Lou Reed

Rafael Berrio é un ilustre da escena vasca, que xa pasa dos 50, pero que se atopa no seu mellor momento. Leva publicado tres discos nos últimos cinco anos, cada un máis recoñecido que o anterior. 1971, Diarios e Paradoja, este último editado o pasado mes de abril. Nunha entrevista no Diario Vasco aclara nun par de liñas por onde van os tres discos aos que nos referimos “... los dos últimos discos son discos que en los bares los ponen los domingos a las seis de la tarde. Quería hacer un disco para que lo pongan a las dos de la mañana el sábado por la noche”. Se a esto lle engadimos a súa querencia por Lou Reed, podemos facernos unha idea clara do que imos escoitar –ademais coa banda ao completo-.

Luis Rivera ofrece composicións acústicas

Se hai seguidores de “críticos de r&r” concretos, por exemplo de Eduardo Ranedo, que acudan para asegurarse de que se está a falar. Estará acompañado do cantautor carballés Luis Rivera, que se prodiga en composicións acústicas que interpreta en directo acompañado da súa guitarra. A súa amizade co desaparecido artista carballés Alberto Gende fai que moitas das súas composicións fagan referencia a él. Un motivo máis para non faltar o 4 de xuño á Rego da Balsa a bater palmas e a pechar o Curruncho Pop.

Aínda que é de balde, se queredes asegurarvos un sitio, podedes recoller un convite na Biblioteca Rego da Balsa (Teléfono: 981 758 580); enderezo electrónico <biblioteca@carballo.gal>.

Compartir: