Inicio Carballo ao día Hemeroteca Todos os segredos da segunda edición do...

TEREMOS ENCONTROS COS CREADORES E UNHA RUTA GUIADA

Todos os segredos da segunda edición do Rexenera Fest: o sábado 4 e o domingo 5 de xuño coas actividades paralelas do festival

Venres 3 de xuño do 2016

Case Maclaim no Fórum Carballo

O mural de Case Maclaim no Fórum Carballo xa está rematado

Despois de case unha semana traballando nas medianeiras e muros de Carballo, os creadores e creadoras do Rexenera Fest queren achegar o seu labor aos veciños e veciñas cunha serie de encontros no Fórum Carballo o sábado 4 de xuño e cunha ruta guiada o domingo 5, cando xa estean rematadas as cinco novas obras desta segunda edición do festival. Coñeceremos todos os misterios que se agochan detrás dese bico, dese cervo ou desas mans. E, sobre todo, gozaremos dun percorrido polos murais, que falan por si mesmos.

Os veciños e veciñas terán a oportunidade de falar cos propios artistas convidados e de preguntarlles as súas dúbidas sobre os murais

Comezamos o sábado 4 de xuño de 17.00 a 19.00 horas cunha mesa redonda ao redor da arte urbana na que participarán catro poñentes representando a diferentes proxectos neste eido. Cada convidado exporá a súa traxectoria e experiencia e compartiremos o coñecemento adquirido por cada un, reflexionando sobre a deriva deste tipo de eventos nos últimos anos e sobre a potencia e relevancia da arte como ferramenta transformadora na sociedade actual. Será con Lara Seixo, DesOrdes Creativas, o Festival Asalto e Derrubando Muros.

A continuación, de 19.00 a 20.30 horas, os propios artistas convidados que participan este ano no Rexenera Fest ofrecen un ciclo de microconferencias no que compartirán as súas experiencias co público. Amosando a súa obra, traxectoria e filosofía de traballo. As dúas citas son de balde ata completar o aforo no Fórum Carballo. Será con No3l, Hyuro, Issac Mahow e AL Crego.

Percorrido por todos os murais do Rexenera

O domingo 5 de xuño ás 17:30 horas será o momento de saír á rúa e facer un roteiro guiado por todas as obras do festival, pasando tamén polos murais da edición anterior. A actividade estará guiada polo equipo de Mutante Creativo, que acompañarán persoalmente aos asistentes e compartirán con eles o significado, conceptos, e técnicas das obras. O roteiro arrincará do Forum Carballo  e a actividade será totalmente gratuíta e sen límite de prazas.

Por se todo iso fose pouco, o sábado 6 de xuño terá lugar unha festa de peche con música en directo na Sala Dublín de Carballo. A entrada será de balde e durante a noite desfrutaremos da música en directo dos Fluzo, co seu hip hop de vangarda  e co Rock&Roll da Familia Camagno. Unha xornada festivo musical para celebrar con nocturnidade e alevosía toda unha semana de frenética creación artística nas rúas de Carballo. A cita, a partir das 22.30 horas.

Ligazóns

Novas relacionadas

Compartir: