Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os cadetes do CB Artai pechan a tempada coa Copa...

O DOMINGO 5 DE XUÑO A PARTIR DAS 10.00 HORAS

Os cadetes do CB Artai pechan a tempada coa Copa Primavera de baloncesto competindo co Cambre, o Santa María do Mar e Maristas

Venres 3 de xuño do 2016

Rolda de prensa

Un momento da presentación da cita

Os cadetes do Club Baloncesto Artai xogan o domingo 5 de xuño a Copa Primavera de Baloncesto. Fano na casa coa celebración dunha nova fase en Carballo, neste caso no Pavillón Vila de Noia, e contra o CB Cambre, o Maristas e o Santa María do Mar, estes dous últimos da Coruña. Ponse así o punto e final á tempada, segundo explica o Presidente do Artai, Joaquín Moreira, despois do remate de todas as competicións oficiais. Xogaranse as semifinais pola mañá ás 10.00 e 12.00 horas co Artai abrindo a fase ás 10.00 h. contra o Santa María do Mar.

Os Maristas son os favoritos para conseguir o título pero o Artai espera poder finalizar o ano con bo sabor de boca

O adestrador do equipo local, Iván Villaverde, subliña que neste partido enfrontaranse a un equipo "fisicamente superior" pero co que esperan poder competir para rematar o curso deportivo "con bo sabor de boca". En todo caso, os favoritos son os Maristas, e o capitán dos cadetes, Manuel García, espera que, se consiguen chegar á final para xogar contra eles, "teñamos a concentración que nos permita gañarlles, ao contrario do que sucedeu na liga".

Pequena homenaxe para os júnior

A final está prevista para as 17.00 horas entre os equipos gañadores das semifinais da mañá e durante a entrega de premios, prevista para as 18.30 horas, aproximadamente, está previsto que o CB Artai tamén lle renda unha pequena homenaxe de despedida aos xogadores júnior do club que finalizan a súa andaina na entidade, segundo explicou Moreira. Trátase de Antonio Viña, Andrés Puente, Sergio Pose, Pablo Moreira, Diego Mallo e Aitor Gómez. Parabéns a todos eles.

A fase final da Copa Primavera está organizada polo CB Artai xunto coa Federación Galega de Baloncesto e o Concello de Carballo. Tanto o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, como o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, quixeron transmitirlle os seus parabéns ao club, xa que citas coma esta permiten "que Carballo siga sendo un referente deportivo" en verbas do Alcalde. Por último, Ferrero, espera que o Artai "xogue a final, compita a final e que outro campionato quede en terras carballesas".



Galería

Compartir: